O Trofeo Xacobeo 2021 reunirá en Pontevedra a máis de 1500 piragüistas na súa primeira edición internacional

A iniciativa impulsada pola Federación Galega de Piragüismo terá lugar o vindeiro 19 de xuño na capital do Lérez

O proxecto conta cunha axuda de algo máis de 16.000 euros do programa “O Teu Xacobeo”

Pontevedra, 12 de xuño de 2021

O Centro de Tecnificación Deportiva de Pontevedra acolleu esta mañá a presentación da que será a primeira edición do Trofeo Xacobeo 2021-Xogade que se celebrará o vindeiro 19 de xuño e que suporá o encontro máis multitudinario de piragüistas das categorías inferiores celebrado ata o de agora, coa participación de algo máis de 1500 rapazas e rapaces das categorías infantís, alevíns, benxamíns, pre-benxamíns e cadetes.
O proxecto, que conta cun axuda de máis de 16.000 euros no marco do programa O Teu Xacobeo, permitirá conxugar deporte, cultura, mocidade e Camiño de Santiago nun contexto de colaboración co país veciño o que lle da carácter internacional a esta iniciativa, que se completará con charlas e andainas vencelladas cos itinerarios do Camiño de Santiago que transcorren por terras lusas cara Galicia.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou a orixinalidade, a internacionalidade e a promoción do Camiño e os seus valores como elementos fundamentais que fixeron a este proxecto acredor do apoio do programa O Teu Xacobeo, co que se está a diversificar e promover a celebración do Ano Santo dobre entre os diferentes colectivos.
Nesta ocasión o proxecto une Camiño e deporte, que comparten valores como a inclusión, a accesibilidade e o achegamento do feito Xacobeo ao público novo, maiores ou outros colectivos desfavorecidos. Así, sinalou que iniciativas como esta “serven para facer presente un Ano Xacobeo moi especial, sumando iniciativas como esta no marco dun programa que no conxunto das dúas edicións desenvolverá máis de 400 propostas socioculturais que mobilizará preto de 8 millóns de euros co obxectivo de facer desta celebración do Xacobeo 21-22 a máis viva, segura, integradora, ampla e diversa posible” .