Investigadores galegos trasladan á proxima semana ao sector e á cidadanía os estudos sobre a situación da cadelucha na Comunidade

O Centro de Investigacións Mariñas celebra o vindeiro venres na Xefatura Territorial da Consellería do Mar en Celeiro unha xornada na que intervirán expertos do propio CIMA e doutras institucións científicas como o CSIC, o IEO ou as tres universidades galegas para analizar as investigacións realizadas sobre esta especie

Estes traballos, que contaron cun investimento de máis de 500.000 euros, deron resposta ás demandas do sector produtor e permiten seguir avanzando no coñecemento do recurso a través dunha nova acción de investigación para o período 2021-2024 que conta con máis de 170.000 euros de orzamento

O encontro, que tamén poderá seguirse a través da rede, analizará os distintos factores que inflúen na produción deste molusco e na evolución da súa presenza nos bancos marisqueiros da comunidade
 

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2021

O Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), dependente da Consellería do Mar, realizará o vindeiro venres 18 de xuño unha xornada para analizar os resultados do estudo multidisciplinar desenvolvido en dous períodos (2013-2015 e 2016-2020) sobre a situación da cadelucha nos bancos marisqueiros de Galicia. No encontro, que se celebrará no edificio da Xefatura Territorial da Consellería do Mar en Celeiro (Viveiro) e que poderá seguirse a través da rede por videoconferencia, participarán investigadores de distintas institucións como o propio CIMA, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), o Instituto Español de Oceanografía (IEO) ou as tres universidades galegas.

A xornada Comportamento ecosistémico e biolóxico da coquina (Donax trunculus) en Galicia analizará as dúas accións de investigación desenvolvidas nos últimos anos polo CIMA neste eido -que contaron cun investimento de máis de 500.000 euros- e recollerá tamén a visión doutros expertos na materia sobre os distintos factores que inflúen na súa produción. Neste sentido, analizaranse aspectos como o estado das poboacións deste molusco, a súa reprodución e cultivo, as principais patoloxías que lle afectan, a súa xenética, as condicións ambientais e outros factores como a topografía e os sedimentos que inflúen no seu crecemento.

O encontro pretende trasladar ao sector e ao conxunto da cidadanía os resultados duns traballos que foron realizados para dar resposta ás demandas do sector marisqueiro galego e que permitiron afondar no coñecemento deste bivalvo. Os expertos analizarán os distintos aspectos que inciden na produción deste recurso así como a súa reprodución e cultivo en condicións controladas -fito acadado polo Centro de Cultivos Mariños de Ribadeo do CIMA- para aumentar a súa presenza nos bancos marisqueiros de Galicia. Trátase dun asunto de especial importancia dado que esta é unha especie de interese comercial na comunidade pois adoita acadar importantes cotizacións en lonxa que roldan os 40 euros o quilo.

O CIMA está a analizar desde o ano 2013 a través de distintas accións de investigación a situación da produción da cadelucha en diferentes zonas de Galicia abordando aspectos como a influencia das condicións hidrolóxicas e meteorolóxicas na súa evolución ou a incidencia das distintas patoloxías. Tamén avaliou, entre outros aspectos, as posibilidades de produción en criadeiro e de repoboación da cadelucha co obxectivo de incrementar a súa presenza nos bancos marisqueiros da comunidade.

Esta liña de investigación continuará desde este ano ata 2024 posto que a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar vén de aprobar a realización de experiencias nas instalacións do minicriadeiro que o CIMA ten no Vicedo para a reprodución e cultivo larvario de moluscos bivalvos presentes nos bancos naturais da zona como son a cadelucha e as ameixas babosa e fina, especies autóctonas e de proximidade a esta instalación. Esta nova acción de investigación conta cun orzamento de máis de 174.000 euros.

As intervencións dos distintos expertos na xornada contribuirán a intercambiar coñecementos sobre o estudo desta especie e o aproveitamento das sinerxías existentes para mellorar a investigación neste eido así como a trasladar ao sector os resultados das investigacións realizadas. Tamén se trata dunha proposta de achegamento da ciencia á cidadanía polo que todas as persoas interesadas en seguir o evento, sexan profesionais do sector ou non, poderán facelo a través da sesión aberta na rede previa inscrición no seguinte enlace.