A Xunta concede 96.000 euros ao Concello de Pontedeva para executar melloras nos accesos ao polígono industrial de Trado

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, informou desta nova achega ao alcalde en funcións, Juan Carlos González

Pontedeva, ao ser Concello Emprendedor, tivo prioridade no reparto desta orde de axudas

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, vén de concederlle ao Concello de Pontedeva unha axuda por importe de 96.000 euros para a mellora dos accesos ao polígono industrial de Trado e dotalo así de servizos que o fagan gañan en competitividade.
O vicepresidente económico, Francisco Conde, informou ao alcalde en funcións deste concello ourensán, Juan Carlos González, da aprobación deste apoio, que se destinará a actuacións sobre o pavimento, a rede de abastecemento e as beirarrúas do parque empresarial. Esta iniciativa mobilizará 120.000 euros, dos que o 80% corresponden á axuda aprobada pola Administración galega.
De feito, esta axuda vai na liña dos apoios concedidos a este concello, con iniciativas levadas a cabo pola Administración local, empresas e particulares. En concreto, nos últimos 12 anos esta Consellería outorgoulle a Pontedeva preto de 600.000 euros, o que permitiu mobilizar 800.000.
Conde destacou que estes investimentos amosan o compromiso da Xunta coa provincia de Ourense e, máis en concreto, co seu rural para favorecer o desenvolvemento das súas infraestruturas e ás necesidades do tecido empresarial e industrial, converténdose en oportunidades xeradoras de postos de traballo.
Así mesmo, salientou o compromiso de Pontedeva coa xeración de riqueza e emprego, poñendo como exemplo a súa integración na iniciativa autonómica de Concellos Emprendedores para ofrecer unha menor fiscalidade, a concesión de licenzas industriais en prazos abreviados mantendo as mesmas garantías técnicas, lexislativas e medioambientais que se precisan, e outras vantaxes aos proxectos empresariais.
Pontedeva forma parte da lista de 65 Concellos Emprendedores de Ourense, a provincia galega máis representada neste ámbito, unha adhesión que lle permite ter prioridade no reparto de axudas autonómicas, como é este caso.

Imaxes relacionadas