A Xunta de Galicia inicia unha campaña informativa dirixida aos consumidores sobre a nova tarifa eléctrica

O Instituto Galego de Consumo e da Competencia, dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, habilita un espazo de información na súa páxina web cos principais cambios e conta con diferentes canles gratuítas de comunicación

Impartirá, da man de Cáritas, Fegaus e a Once, talleres e charlas para persoas maiores e colectivos máis vulnerables

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2021

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Consumo e da Competencia (IGCC), pon en marcha unha serie de iniciativas para informar e asesorar á cidadanía galega ante as posibles dúbidas xeradas pola nova tarifa eléctrica posta en marcha polo Goberno central o pasado 1 de xuño.
Así, na páxina web de consumo pódese atopar información sobre os tres períodos horarios que contempla a nova tarifa –val, chairo e punta–, nos que o custo da enerxía será máis barata ou máis cara dependendo da hora do día e da semana –as fines de semana e festivos nacionais aplícase a tarifa máis barata–; así como respostas ás dúbidas relacionadas coa contratación de potencia ou sobre como será o novo recibo da luz, entre outras cuestións.
Cabe destacar que, en función das necesidades de cada fogar, o consumidor pode contratar a potencia que precisa en función dos metros cadrados e electrodomésticos que teña na súa vivenda e, tanto desde o IGCC como desde o Instituto Enerxético de Galicia (Inega), recomendan o uso de calculadoras de potencia para conseguir o máximo aforro.
O Instituto Galego de Consumo e da Competencia traballa tamén en novos contidos dixitais e interactivos na mesma web, onde se creará un apartado de preguntas e respostas, así como se ofrecerán consellos e boas prácticas para axustar a factura. Tamén se pode obter información e consellos prácticos a través da páxina web do Inega.

Resiliencia enerxética

Por outra banda, o Goberno galego está a levar a cabo unha campaña informativa dirixida aos colectivos máis vulnerables. A iniciativa consistirá nunha serie de talleres e charlas baseadas na “resiliencia enerxética”, que se enmarcan dentro dos acordos que o IGCC ten alcanzado con diferentes organizacións e entidades.
Así, estas sesións iniciáronse esta mesma semana, coa colaboración da Federación Galega de Asociacións Universitarias Sénior (Fegaus), cun taller-seminario destinado ás persoas maiores, así como a entidades e asociacións de consumidores.
Os vindeiros días 22 e 29 de xuño e o 5 de xullo, o Instituto Galego de Consumo e da Competencia impartirá estes talleres a técnicos e profesionais de Cáritas coa finalidade de que esta entidade actúe como canle de difusión das características da nova tarifa ás persoas máis vulnerables ou en risco de exclusión social. Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia reserva este ano 1,6M€ para o bono eléctrico galego para os fogares con menos recursos, unha iniciativa que en 2020 garantiu a subministración eléctrica a preto de 4400 familias.
Ademais, o IGCC conta coa colaboración da Once para impartir unha charla dirixida ás persoas con discapacidades e ten prevista unha convocatoria de axudas para as asociacións de consumidores de Galicia para que poidan levar a cabo diferentes actividades en materia de subministración e nova tarifa eléctrica.
O IGCC, ademais das súas oficinas repartidas polas sete grandes cidades de Galicia, conta cun servizo telefónico gratuíto a través do número 900 23 11 23, que funciona de 9 a 14 horas de luns a venres. Os consumidores tamén poden enviar un correo electrónico coas súas dúbidas a través dun formulario que atoparán na web do organismo, onde hai dispoñible a maiores un asistente de reclamacións.

Imaxes relacionadas