A Xunta abre o prazo para a incorporación de novos centros ao ensino plurilingüe na FP o próximo curso 2021-22

Teñen ata o 25 de xuño para solicitar a impartición de ciclos nesta modalidade

O modelo plurilingüe implantado polo Goberno galego chegou no curso actual a 50 ciclos formativos de toda Galicia
 

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2021

A Xunta de Galicia vén de abrir o prazo para a incorporación de novos centros educativos ao ensino plurilingüe en ciclos formativos o próximo curso 2021-22, o que permitirá seguir estendendo a aprendizaxe dunha lingua estranxeira nas ensinanzas de Formación Profesional. Os centros teñen de prazo ata o 25 de xuño para remitir as súas solicitudes.
Esta convocatoria enmárcanse na estratexia galega de linguas estranxeiras do Goberno galego, para o fomento e a mellora do plurilingüismo no ensino non universitario, na que se contemplan medidas e accións para a mellora da competencia lingüística en linguas estranxeiras do alumnado galego.
Este modelo plurilingüe implantado polo Goberno galego -que implica a impartición de ata un terzo do horario lectivo en lingua estranxeira- comezouse a aplicar no curso 2010/11 para as etapas de educación obrigatoria, isto é, de Primaria e ESO (o denominado Plurilingüismo clásico). Xa a partir do curso 17/18, a Consellería de Educación ampliouno ás etapas de Infantil, Bacharelato e Formación Profesional.
Ao abeiro da estratexia galega de linguas estranxeiras do Goberno galego, no curso actual 2020/21 hai un total de 423 centros plurilingües e 4.647 seccións bilingües, con 617 auxiliares de conversa nativos de ata 20 nacionalidades distintas que imparten clases nestes centros. Do total de centros plurilingües, 171 teñen implementado o ensino dunha lingua estranxeira na etapa e Infantil, 13 en Bacharelato e un total de 50 ciclos de Formación Profesional .

Novos requisitos

De acordo coas esixencias dos programas de cooperación territorial do Ministerio de Educación e Formación Profesional, na convocatoria deste ano múdanse os criterios para considerar plurilingüe un ciclo (disposición cuarta) de acordo aos criterios establecidos polo Ministerio. Deste xeito, os centros terán que impartir un módulo profesional de primeiro curso e outro de segundo curso en lingua estranxeira.

Ademais terán que impartir un mínimo de 53 horas semanais, en primeiro e en segundo curso nunha lingua estranxeira, ben como un módulo profesional incluído no currículo do título, ou ben como un engadido fóra de horario, opcional para o alumnado.
Estas actuacións poden ser no marco do programa de cooperación territorial Plan De Formación Profesional Para El Crecimiento Económico Y Social Y La Empleabilidad e pola Unión Europea-NextGenerationEU.
Ata o momento esixíase que o alumnado cursara, cando menos no primeiro curso do ciclo, un módulo non lingüístico en lingua estranxeira. O número de módulos cursados en lingua estranxeira podía ampliarse sen superar, en todo caso, un terzo do horario en lingua estranxeira. Así mesmo, o alumnado realizaba actividades complementarias de formación organizadas polo centro educativo (charlas, obradoiros ou proxectos) e o centro educativo debía ofrecer unha actividade formativa extracurricular de carácter voluntario para o alumnado, no primeiro e no segundo curso do ciclo, co obxecto principal o afondamento e a adquisición de destrezas no idioma elixido que fosen específicas do sector profesional ou do ámbito produtivo no que se estea a formar o alumnado.

Inserción laboral e internacionalización

Os ciclos formativos plurilingües teñen como finalidade a mellora das competencias lingüísticas do alumnado de FP co obxectivo de mellorar a súa inserción laboral e a competitividade dos sectores produtivos. Neste sentido, o desenvolvemento de habilidades de comunicación oral e escrita en linguas estranxeiras facilitará o desempeño laboral dos titulados no espazo europeo, na liña de internacionalización da FP que está a impulsar a Consellería a través de iniciativas como o programa Erasmus+.
Ademais, esta liña de acción dá resposta ás necesidade de formación e competencias lingüísticas expostas polas empresas e institucións que participan nos proxectos de formación profesional dual de Galicia.


Evolución cuantitativa e cualitativa do modelo plurilingüe

Logo de máis dunha década do inicio da implantación do modelo de ensino plurilingüe en Galicia a través da estratexia de linguas estranxeiras do Goberno galego, que arrancou con 58 centros plurilingües no curso 2010-11 e que hoxe acada os 423.
Este crecemento exponencial tamén se rexistra nas seccións bilingües implantadas (que pasou das 720 en 2009 ás preto de 4.700 da actualidade) e no número de auxiliares de conversa (dos 67 no curso 2008-09 aos 617 actuais).
Desde o punto de vista cualitativo o programa queda referendado en datos como o elevado porcentaxe de alumnos (sete de cada dez) que lograron acreditar o seu nivel de inglés nas últimas probas de certificación convocadas polo Trinity College, referente no eido internacional; ou que o 96% do alumnado galego matriculado nas probas do DELF Escolar en lingua francesa obtivo este certificado.

A boa acollida da iniciativa de potenciación de linguas estranxeiras no sistema educativo galego tamén se reflicte entre o profesorado, xa que case o 99% dos docentes coordinadores deste programa manifestan estar moi satisfeitos cos resultados acadados.