O edificio da Xunta en Pontevedra acolle a mostra 'Fazendo camiño' sobre o espazo Xacobeo entre o Norte de Portugal e Galicia

O delegado territorial, Luis López, asiste á apertura da exposición, que permanecerá aberta ao público ata o 11 de xullo e posteriormente instalarase na Área Panorámica de Tui

"Pretendemos seguir coa difusión das tres rutas de peregrinación lusas, que conforman un espazo coidado e seguro, rico en natureza, patrimonio, gastronomía e cultura e con moitos nexos comúns", explica o representante autonómico

Pontevedra, 11 de xuño de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, vén de asistir no edificio administrativo de Campolongo á apertura da exposición Fazendo Camiño, impulsada grazas á colaboración da Axencia Turismo de Galicia e Turismo de Porto e da Rexión Norte de Portugal e que permanecerá aberta ao público durante un mes ata o vindeiro 11 de xullo.
Esta mostra, conformada por paneis autoportantes con imaxes de gran calidade e textos en galego, castelán, portugués e inglés, aborda o fenómeno histórico xacobeo das tres rutas de peregrinación lusas cara Santiago pola costa, o Camiño Portugués e o interior e tamén explica a historia e as tradicións comúns de ambos territorios.
"Pretendemos seguir, no marco deste dobre Ano Santo 2021-2022, coa difusión dos camiños portugueses, que forman un espazo único, ben coidado, rico en natureza, patrimonio, gastronomía e cultura e que son seguros, saudables e ideais para facer o Camiño de Santiago en calquera época do ano", explica o representante autonómico.
A exposición, comisariada por Francisco Singul e que está instalada na sala de exposicións do edificio autonómico, amosa de xeito visual e intuitivo a través dunha decena de capítulos todos os aspectos da chamada Vía Lusitana de peregrinación, que conta cos citados tres percorridos.
Este traballo, que mistura aspectos promocionais, turísticos, culturais e didácticos, estreouse o pasado mes de maio na localidade portuguesa de Barcelos e agora chega a Pontevedra, que posteriormente cederalle o testemuño a Tui, onde permanecerá exposta do 13 de xullo ao 28 de agosto no Edificio da Área Panorámica, para rematar a súa itinerancia en Porto.

Imaxes relacionadas