O Sergas aproba o baremo ordinario de carreira profesional áreas III e IV

Será aplicable nas vindeiras convocatorias para o acceso aos sucesivos graos dos diversos colectivos profesionais

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2021

A Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas aprobou, no día de hoxe, na Mesa Sectorial, o Baremo ordinario de Carreira Profesional (Área III e Área IV), que será aplicable nas vindeiras convocatorias para o acceso aos sucesivos graos dos diversos colectivos profesionais.

Este baremo é o resultado dun minucioso traballo e o reflexo dun gran esforzo colectivo de consenso. A longa negociación que se iniciou no ano 2018 no ámbito da Comisión de seguimento de carreira, e que quedou suspendida por mor da pandemia, rematou con este acordo que incorpora a maior parte das alegacións presentadas polas organizacións sindicais asinantes do Acordo de carreira, así como as achegas dos diferentes departamentos da consellería e das entidades adscritas.

O baremo concreta as actividades que serán valoradas en cada caso, os indicadores que resultan precisos para a avaliación e as puntuacións que serán asignadas. Estamos ante un instrumento de avaliación progresivo e flexible, que permitirá aos profesionais progresar de forma individualizada e que se adaptará aos obxectivos da organización e tamén aos cambios que sexa necesario implementar como consecuencia das circunstancias que sobreveñan.

No contexto marcado pola situación de emerxencia sanitaria derivada da covid, foi preciso adaptar o baremo recollendo novos parámetros que valoren o esforzo realizado polos profesionais nestas difíciles circunstancias.

O baremo é unha ferramenta de mellora para os profesionais e permite orientar o seu traballo mellorando as súas capacidades e competencias.

Catro grandes áreas

Tal e como prevé o Acordo sobre as bases da carreira profesional no ámbito do Sergas e entidades adscritas á consellería e ao dito organismo, publicado no DOG Núm.144, luns 30 de xullo de 2028, o futuro baremo ordinario, divídese en 4 grandes Áreas e supón un importante cambio respecto ao baremo que se aplicou no réxime extraordinario e excepcional de encadramento do ano 2018 e na última convocatoria do ano 2020.

A Área I. Actividade asistencial/profesional valora a actividade, o rendemento eficiente e eficaz, a calidade e a praxe correcta dos profesionais, así como a mellora e actualización de procesos e métodos de traballo.

A Área II. Competencias asistenciais/profesionais. Avalía os coñecementos, as habilidades e actitudes que deben estar presentes en cada posto de traballo, e que son necesarios para que o profesional desempe axeitadamente o seu traballo.

A Área III. Formación, Docencia, Investigación e Innovación, recolle as actividades de formación académica, continuada e transversal que serán avaliadas en términos semellantes aos previstos non baremos dos procesos de provisión de prazas, así como outras actividades formativas relacionadas cos obxectivos estratéxicos da organización. Tamén valora a docencia en actividades de formación continuada, a publicación de traballos científicos e de investigación, e a participación en proxectos, grupos de investigación e de innovación entre outros.

E na Área IV. Implicación e Compromiso coa Organización, valóranse todas aquelas actividades indicativas do compromiso do profesional coa organización, como poden ser a participación nos programas de vacinación e en cribados covid, así como a prestación de servizos durante a situación de emerxencia sanitaria.

Proximamente publicarase no Diario Oficial de Galicia a parte correspondente ás Áreas III e IV deste baremo para que os profesionais, con anterioridade suficiente á futuras convocatoria, poidan coñecer a formación que deben adquirir e as prácticas que poden realizar para seguir avanzando no seu desenvolvemento profesional. A Dirección Xeral de Recursos Humanos tamén ten previsto elaborar, nun horizonte próximo, os mapas de competencias necesarios para avaliar Área II e definir os indicadores de actividade que sexan facilmente medibles e comprobables para valorar a Área I.

En todo caso, o baremo que se acaba de aprobar axustarase para atender ás situacións nas que o persoal non desempeñe de modo efectivo a profesión ou funcións que correspondan ao seu nomeamento, e poderá modularse en atención ás características asistenciais e/o organizativas das diversas institucións, centros, servizos ou unidades, quedando sempre aberta á posibilidade de incorporar novos indicadores que sexan obxectivables e que se poidan acreditar.