O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participaron na comisión 7ª do Parlamento

A Xunta rexistrou no que vai de 2021 un volume de solicitudes de corta de madeira de 4,48 millóns de metros cúbicos en toda Galicia, na liña do obtido en anos anteriores

José Luis Chan tamén apuntou que no que levamos de ano un total de 17.800 titulares de montes galegos se adheriron a modelos silvícolas comprometéndose a boas prácticas forestais, abranguendo 13.890 hectáreas da nosa comunidade

Resaltando as medidas do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”, lembrou así mesmo que a Xunta vén de incorporar 18 modelos silvícolas novos, catro deles sobre a xestión de masas de frondosas autóctonas, cunha silvicultura próxima á natureza

Pola súa parte, José Luis Cabarcos puxo de relevo a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas impulsada pola Xunta e celebrou que un bo número das iniciativas presentadas ao abeiro da Manifestación de interese de proxectos autonómicos estivesen vinculadas á ampliación de superficies de viñedos na nosa comunidade

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2021

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, afirmou hoxe no Parlamento que a Xunta rexistrou no que vai de ano un volume de solicitudes de corta de madeira de 4,48 millóns de metros cúbicos en toda Galicia, na liña do obtido en anos anteriores. Así o destacou na súa participación na comisión 7ª da Cámara, ao respecto da xestión forestal emprendida polo Goberno galego.
Na súa intervención, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal deu máis datos, como que -só neste ano 2021- un total de 17.800 titulares de montes galegos se adheriron a modelos silvícolas e se comprometeron a boas prácticas forestais, abranguendo 13.890 hectáreas na nosa comunidade. Isto supón -dixo- un ritmo de máis de 100 adhesións por día.
Nesa liña, José Luis Chan lembrou que o Goberno galego ampliou os modelos silvícolas baixo un enfoque verde na xestión forestal, incorporando un total de 18 novos modelos aos 20 xa existentes. Catro deles -apuntou- están dirixidos á xestión de masas de frondosas autóctonas, cunha silvicultura próxima á natureza, unha circunstancia especialmente necesaria tras a recente publicación do decreto polo que se crea e se regula o rexistro de masas consolidadas destas especies. Outros modelos -sinalou- foron orientados á creación de ecosistemas adaptativos ou resilientes, á obtención de ecoprodutos substitutivos de materiais de alta pegada de carbono e á multifuncionalidade do monte, impulsando outros aproveitamentos como os cogomelos, a resina, a cortiza ou o pastoreo en terreos forestais desarborados.
A maiores, o director xeral referiuse ás medidas contempladas no Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica” e á regulación temporal das novas plantacións de eucalipto naqueles lugares onde non os hai, que entrou en vigor coa Lei de recuperación da terra agraria. Nese senso, recordou que esta regulación se propón inicialmente deica finais do ano 2025, aínda que o compromiso da Xunta é revisar obxectivos atendendo á información que vaia aportando o Inventario forestal continuo de Galicia, cuxos primeiros datos se prevén para o ano que vén.
Nesa dirección, José Luis Chan quixo concluír recordando que o 98% por cento da superficie forestal de Galicia é privada. Dela, 1,2 millóns de hectáreas corresponden a particulares e existen 11,1 millóns de parcelas catastrais rústicas. Unha circunstancia que redobra a necesidade de contar con datos fiables e actualizados do Inventario sobre os que fundamentar as políticas forestais da Xunta.

Vendima 2020

Sobre as actuacións levadas a cabo pola Consellería do Medio Rural para garantir o cumprimento da normativa de cada un dos consellos reguladores das denominacións de orixe de Galicia na vendima do 2020, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, puxo de relevo que -malia a pandemia- o pasado ano recolléronse máis de 60 millóns de quilogramos de uva na nosa comunidade. Así mesmo, celebrou que o último estudo elaborado pola consultora Nielsen revelase que o consumo dos viños das denominacións de orixe galegas aumentou un 20% na canle da alimentación e que os prezos dos viños galegos de calidade subiron tanto na canle da alimentación como na da hostalaría.
Canto aos controis, José Luis Cabarcos resaltou que se levaron a cabo tanto no ámbito da pandemia como no relativo á calidade, ao igual que se fará -dixo- neste 2021. No primeiro dos casos, conseguiuse unha campaña sen incidencias sanitarias e, no segundo, unha colleita con todas as garantías en colaboración cos consellos reguladores. Así, segundo apuntou, os consellos reguladores empregaron a 70 persoas entre persoal fixo e eventual especificamente para os labores de control de calidade e desde a Consellería do Medio Rural reforzouse ese cometido con toda a asistencia técnica necesaria, para asegurar que a vendima se levaba a cabo consonte á norma nas cinco denominacións de orixe -Rías Baixas, O Ribeiro, Valdeorras, Ribeira Sacra e Monterrei-.
Todo isto, abondou, está concibido para apoiar un sector considerado clave para a economía galega, conformado por máis de 10.000 viticultores, case 500 adegas e máis de 8.000 hectáreas cultivadas, e que xera máis de 230 millóns de euros ao ano. Nesa liña, dixo, apunta tamén a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas, impulsada pola Xunta en colaboración coa Fundación Juana de Vega e diferenciada para cada unha das DO.
A maiores, o director da Agacal referiuse ás achegas do Goberno galego para a reestruturación e a reconversión de viñedo, para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, para a promoción en terceiros países e para apoiar o funcionamento dos consellos reguladores, así como á rede Mercaproximidade ou ao préstamo vendima, que permitiu que a colleita da campaña de 2020 estivera en liña coa media do último decenio.
Na súa intervención, José Luis Cabarcos tamén tivo palabras para enxalzar a cada vez maior excelencia dos nosos viños en eventos como as Catas de Galicia que se están a desenvolver. Así mesmo, sinalou que un bo número das iniciativas presentadas ao abeiro da Manifestación de interese de proxectos autonómicos estaban vinculadas á demanda de máis base territorial para ampliar a superficie de viñedos na nosa comunidade. Concluíu reafirmando o compromiso da Xunta coa calidade a través da futura Lei da calidade alimentaria de Galicia ou impulsando novos selos como o da artesanía alimentaria.

Imaxes relacionadas