O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe no webinario A recuperación económica pos-covid en Galicia, organizado por APE Galicia

Conde afirma que o terceiro Plan de Rescate, que hoxe publica o DOG, é unha oportunidade para consolidar a reactivación do sector do comercio

Anima os comerciantes galegos a acollerse a estas axudas porque, dixo, están pensadas para reparar os danos causados pola pandemia en pemes e autónomos, compensar os sacrificios que tiveron que facer e axudarlles a retomar o paso

Subliña que a Xunta leva aprobado o maior mapa de axudas ata o de agora para apoiar unha das principais prioridades do sector neste momento que é incentivar o consumo, con iniciativas como o Bono Activa Comercio (10M€), o Plan Renove Electrodomésticos (3M€) ou o Bono Enerxía Peme e Comercio (3M€)

Di que a recuperación económica pos-covid ten un alcance moito maior, que nos leva a unha etapa de transformacións no noso modelo económico na que Galicia vai redobrar a súa aposta polo diálogo social e a colaboración público-privada

Considera que o Goberno ten que permitir a Galicia competir en igualdade de condicións no reparto dos fondos europeos polo potencial dos 355 proxectos que compoñen a candidatura galega e polo que representan as pemes en cada un deles
 

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2021

O conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, afirmou hoxe que as axudas directas do terceiro Plan de rescate para persoas traballadoras autónomas, profesionais e empresas afectadas pola crise da covid-19, que se van poder solicitar a partir do vindeiro luns, son unha oportunidade para consolidar a reactivación do sector do comercio.

Durante a súa intervención nun webinario sobre A recuperación económica pos-covid en Galicia, organizado pola Asociación de Autónomos e Pequenas Empresa de Galicia (APE-Galicia), Conde animou aos comerciantes galegos a acollerse a estas axudas porque, dixo, están pensadas para reparar os danos causados pola pandemia en pemes e autónomos, compensar os sacrificios que tiveron que facer e axudarlles a retomar o paso.

Segundo apuntou, en só seis meses, a Xunta xa puxo á disposición dos sectores máis afectados pola pandemia un total de 560 millóns de euros en axudas directas, dos que 416 millóns corresponden aos tres plans de rescate. No caso concreto do sector do comercio, Conde indicou que a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación tamén leva aprobado o maior mapa de axudas ata o de agora para apoiar unha das principais prioridades do sector neste momento que é incentivar o consumo, con iniciativas como o Bono Activa Comercio, cun orzamento de 10 millóns de euros; o Plan Renove Electrodomésticos, dotado con tres millóns de euros; ou o Bono Enerxía Peme e Comercio, con tres millóns de euros.

Optimismo moderado

O vicepresidente económico destacou que a actual situación de estabilidade no plano sanitario grazas aos avances no proceso de vacinación está a permitir que pemes, autónomos e emprendedores comecen a moverse xa nun escenario moito menos incerto. Nese sentido, e sempre desde a máxima prudencia, considerou moi importante que se traslade unha mensaxe de optimismo para incentivar o consumo e contribuír, así, á reactivación de sectores clave na nosa economía como o comercio, o turismo ou a hostalería.

Durante a súa intervención, remarcou, tamén, que a recuperación económica pos-covid ten un alcance moito maior, que nos leva a unha etapa de transformacións no noso modelo económico na que Galicia vai redobrar a súa aposta polo diálogo social e a colaboración público-privada. Segundo dixo, é necesario pola oportunidade que supoñen os fondos europeos Next Generation para dar valor engadido aos sectores estratéxicos de Galicia a partir da dixitalización e a sustentabilidade; facer unha transición ecolóxica xusta que dea alternativas e emprego á industria; e para apostar polos sectores emerxentes neste momento, como a biotecnoloxía ou as renovables.

Por todo iso, Conde manifestou que o Goberno ten que permitir a Galicia competir en igualdade de condicións no reparto dos fondos europeos polo potencial dos 355 proxectos que compoñen a candidatura galega e polo que representan as pemes en cada un deles.

Imaxes relacionadas