A Xunta únese ao Plan Sumamos promovido pola CEOE para fomentar a colaboración entre empresas e administracións públicas co obxecto de reforzar as actuacións na loita contra a covid

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2021

A Xunta de Galicia e a Confederación de empresarios de Galicia veñen de acordar unirse ao Plan Sumamos, promovido pola CEOE, para fomentar a colaboración entre empresas e administracións públicas co obxecto de reforzar as actuacións das autoridades sanitarias en relación á mitigación da crise sanitaria orixinada pola covid.

O acordo foi asinado recentemente polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, pola presidenta da Fundación CEOE, Fátima Báñez e polo presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, nun acto ao que tamén asistiu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Entre as iniciativas establecidas no marco deste convenio están o apoio das empresas no testeo a determinados colectivos. De feito, na nosa comunidade, empresas da área de Vigo realizan xa probas aos seus empregados a través do laboratorio do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur. Un modelo que sería positivo que se estendera, contribuíndo á maior precisión e rexistro das probas que as empresas realizan aos seus traballadores.

Outra das iniciativas promovidas no Plan Sumamos é o apoio nas capacidades de rastrexo. A Xunta de Galicia considera que pode ser útil que, determinadas empresas cun número importante de traballadores, conten cun responsable covid, co que os servizos de rastrexo poidan traballar para axudar a definir o listado de contactos estreitos dos traballadores cando se detecte un positivo entre eles.

Finalmente, o acordo tamén contempla o lanzamento de campañas de información, concienciación e comunicación sanitaria sobre medidas e protocolos. Neste sentido, a Administración autonómica agradece toda a colaboración e concienciación que as empresas poidan facer, sobre todo nestes momentos de fatiga pandémica, para non relaxar o uso da máscara e o cumprimento das medidas de distancia social ou hixiene de mans. Tamén para reforzar a adherencia ao proceso de vacinación.
 

Imaxes relacionadas