A Xunta estará presente no Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade, Vinis Terrae impartindo unha serie de talleres para mellorar a competitividade das empresas vitivinícolas

Os obradoiros abordarán o uso das TIC como ferramentas de xestión e márketing, enfocado ás redes sociais, e as ferramentas e claves para a reinvención das empresas vitivinícolas

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2021

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), centro dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), participará na novena edición do Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade, Vinis Terrae organizando unha serie de talleres formativos. Os obradoiros, que cubriron todas as súas prazas e mesmo un deles tivo que ampliar a súa oferta, estarán enfocados ao uso das TIC como ferramentas de xestión e márketing e as ferramentas e claves para a reinvención das empresas vitivinícolas
O luns 14 dará comezo ás 9:00 horas o primeiro dos talleres prácticos sobre as TIC como ferramentas de xestión e márketing, enfocado ás redes sociais. O obradoiro, impartido por María Porto Corujo (Licenciada en Publicidade e Relacións públicas especialista en xestión de redes sociais), ten como obxectivo amosar as vantaxes do uso das TIC na xestión dunha empresa vitivinícola ademais das posibilidades estratéxicas destas no márketing dixital e na venda en liña. Para iso, na sesión identificaranse casos de éxito para o sector vitivinícola e elaboraranse contidos formados por texto e imaxes para a comunicación dixital da súa empresa nesta rede social.
Do mesmo xeito, o martes 15 impartirase a partir das 9:00 horas tamén un novo taller, esta vez sobre as ferramentas e claves para a reivindicación das empresas vitivinícolas. Co gallo, "adaptarse para sobrevivir", o relator Julio López Nogueira (Licenciado en Ciencias Políticas e consultor de empresas e de desenvolvemento de negocio) ensinará aos participantes a maneira de detectar os novos hábitos de consumo e avaliar a capacidade nas propostas de valor dos negocios para satisfacer esas novas necesidades. Así, reflexionará sobre a situación actual do sector vitivinícola co fin de amosar as oportunidades futuras do sector.
Ambos talleres están orientados a todo o público, con especial interese a responsables de pequenas empresas e das áreas de márketing, viticultores, adegueiros, enólogos, persoal técnico das adegas e dos consellos regulares, persoal investigador e mozos e mozas agricultores ou adegueiros en activo.
Ademais dos obradoiros, ofreceranse paralelamente dúas catas dos viños premiados nas últimas Catas de Galicia 2020, tanto de branco como de tinto. A cata de acios brancos celebrarase o luns ás 12:30, mentres que a de acios tintos terá lugar o martes no mesmo horario.