A Xunta activa o terceiro Plan de Rescate para autónomos e empresas con axudas directas por 234 M€ que poderán solicitarse desde o próximo luns

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases que rexerán esta nova convocatoria de axudas para o apoio a persoas traballadoras autónomas, profesionais e empresas particularmente afectadas pola crise da covid-19

A Consellería de Emprego e Igualdade axilizará os pagos que oscilarán entre os 3.000 e os 30.000 euros, cun sistema de adianto do 100% da contía

O Goberno galego estende os apoios a todos os negocios independentemente da súa actividade sempre que acrediten baixas de facturación do 40% ou máis

O plan reserva o 85% dos cartos (200M€) a autónomos e microempresas e pemes que supoñen o 97% do tecido produtivo galego

O Real decreto-lei do Estado que regula as axudas obriga aos beneficiarios a destinalas a cubrir pagos pendentes

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2021

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases do 3º Plan de rescate que prevé axudas directas para persoas traballadoras autónomas por valor de 234,4 millóns de euros de fondos estatais asignados a Galicia. As persoas interesadas contarán ata o próximo 14 de xullo para cursar as súas solicitudes.

A orde da Xunta axústase ao marco xurídico das axudas regulado polo Real Decreto-lei 5/2021. A pesares das cargas burocráticas previstas polo Estado no mesmo, Galicia aproveitou a marxe de manobra que se deixou ás Comunidades que xestionan os cartos para simplificar o procedemento e ampliar as axudas a todos os sectores de actividade.

Así, as persoas solicitantes poderán recibir adiantos de ata o 100% da axuda que lles corresponda so con presentar unha declaración responsable. Deberán acreditar nos tres meses seguintes que cumpren cos requisitos esixidos.

A Xunta ampliou ademais as axudas a todas as actividades económicas -non limitou os pagos ás 95 previstas polo Estado- sempre que se acrediten baixadas no negocio de alo menos o 40%. O 85% dos fondos resérvanse ademais a autónomos, microempresas e pemes para apoiar a este colectivo que constitúe o 97% do tecido produtivo galego.

O 3º plan perfilouse de novo en consenso cos axentes sociais, na Mesa do Emprego Autónomo e no seo do Diálogo Social. Co mesmo, trátase de aportar liquidez aos autónomos e empresarios con carácter inmediato, apoiar a súa solvencia e acompañalos no camiño da recuperación.

Os cartos, tal e como prevé a norma estatal que regula os pagamentos, deberán destinarse a cubrir débedas pendentes de pago.

Contía das axudas

Os 234,4 millóns de euros do orzamento divídense en tres programas. No primeiro destinaranse 150 millóns de euros ao apoio ás persoas traballadoras autónomas e profesionais que tributen por módulos; 50 millóns ao segundo, para persoas traballadoras autónomas individuais ou con ata 10 traballadores e empresas de ata 25 traballadores cun volume de facturación de ata 2 millóns de euros; e 34 millóns ao programa tres, para autónomos e empresas con máis de 10 traballadores e cun volume de facturación de máis de 2 millóns de euros, así como a empresas de máis de 25 traballadores.

As contías oscilarán entre un mínimo de 3.000 euros e un máximo de 30.000. Así, os traballadores autónomos que tributan por módulos recibirán unha única axuda de 3.000 euros (primeiro programa). Os importes para o caso de autónomos e empresas de ata 10 traballadores (segundo programa) irá dos 6.000 aos 11.000 euros segundo as escalas de facturación e o número de persoas traballadoras. Os apoios económicos para os autónomos ou empresas do terceiro programa irán dos 10.000 ata os 30.000 euros, tamén en función das perdas e do número de empregos.

Imaxes relacionadas