O Consello Técnico de Atención Primaria celebra unha nova xuntanza para seguir avanzando na reforma deste nivel asistencial

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2021

O Edificio Administrativo da Consellería de Sanidade acolleu, na tarde de hoxe, a reunión número catro no que vai de ano, do Consello Técnico de Atención Primaria, celebrada coa meirande parte dos membros do consello conectados por videoconferencia, para cumprir coas recomendacións de seguridade por mor da covid.

O Consello foi creado a partir do documento do Plan Galego de Atención Primaria 2019-21, con carácter permanente, e co obxectivo de realizar asesoramento en aspectos científicos, sociais e profesionais no ámbito da atención primaria. Ten como función a avaliación de necesidades de recursos humanos no primeiro nivel asistencial e a análise da súa capacidade resolutiva, das carteiras de servizos e das oportunidades de mellora na xestión de procesos asistenciais e nas relacións entre primaria e hospitalaria.

Na reunión de hoxe concretáronse as conclusións das comisións sectoriais expostas na anterior xuntanza e presentáronse os resultados do traballo das comisións sectoriais correspondentes á “Coordinación atención primaria- atención hospitalaria” e “Prescripción eficiente de medicamentos e probas diagnósticas ”, respectivamente.

Ademais, o grupo compartiu opinións en relación ao recente documento “Criterios de calidade das axendas dos médicos de familia de atención primaria”, que se está a facer público polos directores de atención primaria das diferentes áreas sanitarias, e que xa está sendo aplicado en diferentes centros de saúde.

A reunión, que estivo presidida polo xerente do Sergas, José Flores Arias, e que contou coa presenza dos directores xerais do Sergas de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal; de Recursos Económicos, María Jesús Piñeiro Bello; de Recursos Humanos, Ana Comesaña Álvarez; así como a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Estrella López-Pardo, transcorreu nun clima de consenso e colaboración no relativo aos obxectivos a alcanzar na transformación da atención primaria galega.