Galicia garante a venda e o consumo seguro de arredor de 250.000 toneladas de mexillón con 10.000 análises anuais de biotoxinas

O Consello da Xunta de Galicia analizou hoxe un informe relacionado co labor do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño para asegurar a extracción deste recurso cultivado en batea

O Intecmar identifica os distintos tipos de biotoxinas mariñas que existen e a súa presenza por zonas e con base nos estritos controis que realiza establece os peches de zonas de produción afectadas por este fenómeno natural para protexer a saúde pública e a calidade dos moluscos bivalvos

Entre os anos 1998 e 2020 as biotoxinas lipofílicas son as que causaron a maior parte dos peches de polígonos de bateas de mexillón cunha media de afectación de máis do 25% do ano
 

O Consello da Xunta analizou hoxe un informe sobre os períodos de prohibición da extracción de mexillón nos polígonos de bateas de Galicia como consecuencia das biotoxinas entre os anos 1998 e 2020. Este documento reflicte que as 10.000 analíticas anuais de biotoxinas realizadas polo Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) permiten a venda e o consumo de arredor de 250.000 toneladas de mexillón con todas as garantías hixiénico-sanitarias.

Este centro dependente da Consellería do Mar identifica os distintos tipos de biotoxinas mariñas que existen e a súa presenza por zonas e con base nos estritos controis que realiza establece os peches de zonas de produción afectadas por este fenómeno para protexer a saúde pública e a calidade dos moluscos bivalvos. A existencia das especies de fitoplancto tóxico é un fenómeno natural, xa que ten a súa orixe na riqueza fitoplanctónica das augas e repítese na maior parte das zonas de produción de moluscos bivalvos do planeta.

Ademais, o informe sinala que o Intecmar realiza preto de 2.000 informes previos á extracción e máis de 300 resolucións anuais de prohibición ou autorización de extracción de moluscos nas zonas de produción, a maioría delas relacionadas co control das biotoxinas.

En relación cos períodos de prohibición de extracción de mexillón das bateas durante os últimos 23 anos, o documento conclúe que as biotoxinas lipofílicas son as que causaron a maior parte dos peches e que a media de afectación abarca máis do 25% do ano. Ademais amosa que en todas as rías os polígonos de bateas situados máis ao exterior son os que tiveron un maior número de días de peche.

Os anos en que se rexistraron períodos de prohibición da extracción máis prolongados como consecuencia desta biotoxina foron 2005 e 2013, mentres que os de menor afectación foron 2008 e 2017. Por zonas, a ría de Pontevedra é a que rexistra máis períodos de prohibición da extracción e a ría de Arousa foi a menos afectada.

No caso da biotoxina PSP (paralizante) a media de afectación no período 1998-2020 abarca o 1,5% do ano. A ría de Arousa foi a menos afectada e a de Pontevedra a que rexistrou máis días de peche de polígonos de mexillón. En canto á biotoxina ASP (amnésica), o informe expón que a súa afectación media supón o 1% do ano. En relación coas zonas, a menos afectada por este tipo de biotoxina tamén foi a ría de Arousa e as que apuntaron máis días de prohibición de extracción foron as rías de Muros e Noia e Ares-Betanzos.

Este labor de control de niveis de biotoxinas desenvolvido polo Intecmar garante a seguridade alimentaria dos moluscos como o mexillón e evita que estes episodios paralicen a produción galega coa división das zonas de produción en subzonas de menor tamaño e un elevado número de puntos de seguimento.

Ademais, a difusión da situación das zonas de produción a través da páxina web do Intecmar contribúe a crear confianza no consumidor para que siga comprando mexillón galego durante todo o ano. De feito, o labor deste centro foi clave durante a declaración do estado de alarma causado pola Covid-19, pois as súas funcións declaradas esenciais contribuíron ao abastecemento de moluscos, fundamentalmente mexillón, con todas as garantías hixiénico-sanitarias.

O Intecmar

O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia foi creado como ente público en 2004, como instrumento oficial da Comunidade para o control da calidade do medio mariño, contribuíndo á súa protección e mellora, e para a aplicación das disposicións legais en materia de control técnico-sanitario dos produtos do mar. Nese momento asumiu as competencias, o persoal e as instalacións do antigo Centro de Control do Medio Mariño (CCMM) e ampliou as súas funcións. Na actualidade conta con 3.600 metros cadrados de instalacións nas cales prestan servizo 87 empregados públicos.

O centro conta coa acreditación da ENAC desde marzo de 1999 e desde entón foi renovando e ampliando as acreditacións para distintos tipos de ensaios. Proba desta renovación constante de equipamentos e técnicas é a ampliación do alcance de acreditación en catro novos ensaios, outorgada pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) a finais de 2020. Un dos novos ensaios acreditados é a determinación de toxinas paralizantes de molusco (PSP) mediante o método químico que é realizado pola Unidade de Biotoxinas. Nestes 21 anos de acreditación o instituto superou con éxito as auditorías externas a que foi sometido.

Imaxes relacionadas