Galicia terá como festivos propios o Día das Letras Galegas e o Día de San Xoán

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, informou hoxe na rolda de prensa de Consello da proposta de calendario laboral correspondente ao ano 2022, que recolle como festivos propios o Día das Letras Galegas e o día de San Xoán.

Tal e como explicou o titular da Xunta, a norma estatal establece 14 festas anuais de ámbito nacional, dous a elixir por cada concello. E dos 12 restantes, sinalou, 9 son obrigatorios e non substituíbles agás que coincidan en domingo. En 2022 e, como avanzou o presidente da Xunta ao inicio, dos dous festivos nacionais coinciden en domingo: o 1 de maio (día do Traballo), que se substituirá polo 17 de maio, día das Letras Galegas; e o 25 de decembro (Nadal), que se cambiará polo día de San Xoán (24 de xuño).

Ademais disto, outros 3 festivos de carácter nacional poden ser substituídos polas comunidades autónomas, son o 6 de xaneiro, o Xoves Santo e a elección das comunidades o 19 de marzo ou o 25 de xullo. Evidentemente, sinalou, aquí sempre se escolle o Día de Galicia.

Deste xeito, a proposta de festivos, que terá que ser aprobada tamén polo Consello Galego de Relacións Laborais, quedaría así: 1 de xaneiro, 6 de xaneiro, Xoves Santo (14 abril en 2022) Venres Santo (15 de abril en 2022), 17 de maio, 24 de xuño, 25 de xullo 15 de agosto, 12 de outubro, 1 de novembro, 6 de decembro e 8 de decembro.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
A Presidencia da Xunta