A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde, José Manuel Fernández, selaron hoxe o convenio para impulsar esta actuación

A Xunta e o Concello de Paderne de Allariz colaboran para completar o servizo de abastecemento de auga no municipio, que suporá un investimento de 275.000 euros

Dotarase de abastecemento o núcleo de San Cristovo, servindo a unha poboación fixa de 62 habitantes para o ano horizonte 2045

A Xunta asume o 80% do investimento, 220.000 euros, e a contratación e a execución das obras, que teñen un prazo de execución de cinco meses

O Concello de Paderne de Allariz contribuirá co 20% restante, 55.000 €, porá a disposición os terreos necesarios, tramitará as actuacións precisas e asumirá as actuacións realizadas
 

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2021

A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde de Paderne de Allariz, José Manuel Fernández, selaron hoxe o convenio de colaboración para completar o servizo de abastecemento no concello ourensá, que suporá un investimento de 275.000 euros.

O acordo, asinado esta mañá en Santiago, ten como obxectivo dotar do servizo de abastecemento de auga o núcleo de San Cristovo, único do municipio que na actualidade carece del.

Segundo este convenio, a Xunta, a través de Augas de Galicia, cofinanciará a actuación nun 80% coa achega de 220.000 euros. Tamén levará a cabo a contratación da execución, dirección e xestión das obras, que contan cun prazo de execución de cinco meses.

Pola súa banda, o Concello de Paderne de Allariz contribuirá ao financiamento do 20% restante, destinando 55.000 euros, ao tempo que asume a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.

As actuacións serán financiadas pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da covid-19.

As actuacións proxectadas

Na actualidade Paderne de Allariz conta cunha rede de abastecemento que dá subministración a todos os núcleos do municipio salvo ao de San Cristovo, que pertence á parroquia de San Salvador de Mourisco. Isto é debido a que o depósito de cabeceira se atopa a unha cota inferior ao dito núcleo, polo que a poboación de San Cristovo se abastece na actualidade a través de acometidas particulares ou colectivas.

As obras recollidas no convenio asinado hoxe perseguen achegar o servizo de abastecemento de auga ao núcleo de San Cristovo, a través da execución dunha rede de abastecemento composta por: conexión con rede existente, bombeo, novo depósito, impulsión para levar as augas ata o novo depósito de subministración e unha rede en árbore para a súa distribución.

Esta actuación permitirá dar servizo a unha poboación fixa de 62 habitantes para o ano horizonte 2045.

A Xunta, a través de Augas de Galicia, segue prestando apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan exercer as súas responsabilidades dun xeito eficiente e continuar mellorando a calidade da auga e a calidade de vida da poboación galega no medio rural.

Imaxes relacionadas