A Xunta multiplicou por catro o investimento nos bonos de atención á dependencia desde o ano 2008 ata os 28,7 millóns

O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, compareceu esta mañá na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego

Salientou que o novo Plan de Choque para a atención en dependencia permitirá axilizar e reducir a burocracia nas solicitudes de valoración e mellorar o sistema de coidados
 

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2021

O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, sinalou hoxe que desde o 2008 o Goberno galego incrementou a inversión nos bonos de atención á dependencia ao pasar de 6,8 millóns de euros a 28,7, catro veces máis. Durante a resposta a unha pregunta oral formulada na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia, lembrou, así mesmo, que tamén se multiplicou por seis o número de persoas atendidas por esta prestación, que pasaron de 2.400 cidadáns no ano 2008 ás actuais 14.800.

Neste sentido, Antón Acevedo fixo fincapé en que a Xunta busca avanzar na mellor atención ás persoas dependentes, para o que o Goberno galego aprobou recentemente un Plan de choque que permitirá reducir a burocracia e o papelame nas solicitudes e mellorar así os tempos de valoración e de atención.

Dentro deste plan tamén se inclúe unha mellora na xustificación dos bonos para facilitar a comunicación entre os cidadáns e a Administración, creando canles máis accesibles e axilizando trámites. “Un plan moi ambicioso que pretende ser un primeiro paso cara un mellor sistema de atención en Galicia”, concluíu o director xeral de Atención Integral Sociosanitaria.

Imaxes relacionadas