A Xunta inviste case 300.000 euros na mellora da cuberta do Centro de Menores San José de Calasanz

A actuación permitirá mellorar o benestar dos usuarios e favorecerá a eficiencia enerxética do edificio

A Coruña, 10 de xuño de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou o centro de menores San José de Calasanz no que a Xunta levou a cabo unha actuación de renovación de case 300.000 euros para mellorar o confort dos seus usuarios e para favorecer a eficiencia enerxética do edificio.

A obra contempla a reforma e substitución da cuberta de dito centro , que na actualidade presenta unha estrutura deteriorada e con caruncho e que ademais ten problemas continuos de filtracións. Con este investimento preténdese evitar as humidades e mellorar a durabilidade da estrutura, o que redundará en importantes aforros no gasto enerxético do inmoble.

En concreto, substituirase a cubrición actual de tella de cerámica e de placas de fibrocemento por unha nova cubrición de tella e fibrocemento con illamento térmico e cambiarase a estrutura actual por unha nova estrutura metálica, mellorando a capacidade portante e a súa durabilidade.

O delegado da Xunta destacou que este centro residencial de atención a menores en situación de risco, desamparo ou conflito social ofrece aloxamento, apoio psicosocial e educativo, seguimento escolar, promoción da saúde, animación planificada do tempo libre, formación nas habilidades sociais básicas e apoio e orientación ás familias.

O edificio ten 40 prazas das que 30 son de atención residencias e outras 10 de atención de día e o seu cadro de persoal está composto por 33 persoas para atender as necesidades de todos os usuarios.

Na provincia da Coruña existen 16 centros residenciais para a protección de menores entre centros con fogares, casas de familia, vivendas tuteladas, miniresidencias, vivendas asistidas e centros de primeira acollida.

Durante a visita, Trenor lembrou que a Consellería de Política Social destinará, este ano, case 2 millóns de euros en obras en edificios públicos na cidade da Coruña, ademais do investimento no San José de Calasanz, realizaranse melloras na residencia de maiores de Concepción Arenal, cun investimento de 252.000 euros e a actuación máis importante será a obra de mellora da accesibilidade no CAPD que contan cunha achega de 1,4 millóns de euros.
 

Imaxes relacionadas