Política Social destaca que o 60% das prazas residenciais de Galicia contan con financiamento público

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, compareceu hoxe na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego

Galicia incrementou desde o 2009 un 44% a oferta de prazas públicas en residencias de maiores, ao pasar de 5500 a máis de 8000 que hai na actualidade
 

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2021

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, explicou durante a súa comparecencia na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego que o 60% das prazas residenciais para maiores de Galicia contan con financiamento público, ben sexa por corresponder a centros propios, como polo financiamento de prazas ou por axudas ao usuario a través do Bono residencia.

Fernando González Abeijón recordou que a Xunta de Galicia ten na atención ás persoas dependentes un eixo prioritario, por iso, explicou que Galicia incrementou desde o 2009 un 44% a oferta de prazas públicas en residencias de maiores, ao pasar de 5500 a máis de 8000 que hai na actualidade.

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade salientou que as sete novas residencias públicas que financiará e construirá a Fundación Amancio Ortega nas sete cidades galegas porá a disposición de todas as galegas e galegos 900 prazas públicas de maiores, ademais de crear 800 postos de traballo, a través dun investimento de 90 millóns de euros.

Ademais, puxo en valor que dos 400 millóns de euros ao ano que se destinan á dependencia, o 76% corresponden ás arcas autonómicas. O 24% restante son fondos do Goberno central. Deste xeito, instou o Estado a cumprir a Lei de Dependencia e achegar os 200 millóns de euros que lle corresponden só en 2021 para poder continuar mellorando neste eido.
 

Imaxes relacionadas