Fabiola García sinala a integración de procesos, a proximidade e o uso da tecnoloxía como piares fundamentais do novo modelo de coidados aos maiores

A conselleira de Política Social expuxo o modelo de integración sociosanitaria no que traballa Galicia nun encontro organizado pola Sociedad Española de Directivos de la Salud (Sedisa)

Explicou os avances acadados neste eido coa creación dunha Dirección Xeral de Atención Integral Sociosanitaria e coa implantación de novos servizos como as casas do maior, o autobús porta a porta no rural ou a teleasistencia avanzada

Madrid, 9 de xuño de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, sinalou hoxe como tres piares fundamentais do novo sistema de coidados ás persoas maiores a integración de procesos, a proximidade e o uso da tecnoloxía. Díxoo no encontro organizado pola Sociedad Española de Directivos de la Salud (Sedisa), onde participou cun relatorio titulado “A integración sociosanitaria como piar do sistema de coidados do futuro”.

Na súa intervención, Fabiola García sinalou que a pandemia da covid-19 obrigou a dar un paso adiante para estreitar a coordinación entre os ámbitos social e sanitario e que agora se traballa para mantela. De aí, a creación dentro da Consellería dunha Dirección Xeral de Atención Integral Sociosanitaria, co obxectivo de ser a referencia do Servizo Galego de Saúde para a xestión da pandemia nas residencias de maiores, emprender a reforma do sistema de atención á dependencia e liderar a integración dos coidados sociosanitarios.

Para a conselleira este novo modelo de coidados ten que dar resposta ao que necesita cada persoa maior, con independencia de onde viva, xa sexa nunha residencia ou na casa. Trátase de centrarse na calidade de vida do maior antes de que chegue a cronicidade ou os primeiros síntomas de deterioro cognitivo, para o que cómpre superar o modelo reactivo para consolidar un proactivo, explicou.

Novos servizos

Neste sentido, Fabiola García lembrou que o Goberno galego xa puxo en marcha durante os últimos anos servizos que responden a este novo modelo de atención, como as casas do maior, minicentros de día en concellos; o autobús porta a porta, para ofrecer servizos de optometría, podoloxía e obradoiros de memoria ambulantes aos maiores do rural; ou a teleasistencia avanzada, coa que se pon a tecnoloxía ao servizo das persoas de máis idade que soamente con premer un botón teñen garantida a atención que precisan.

A conselleira resumiu a proposta de Galicia sobre como debe ser o sistema de coidados do futuro no que denominou o “modelo das 5P”: Personalizado e adaptado as características e desexos da persoa a coidar; participativo, coas achegas dos coidadores, tanto profesionais como familiares; proactivo, para identificar de forma temperá situacións de risco; predictivo, cun manexo intelixente dos datos grazas ao uso da tecnoloxía e á monitorización dos coidados; e poboacional, para chegar a todos os puntos da comunidade e adaptarse á configuración xeográfica de Galicia.

Imaxes relacionadas