As actuacións para adecuaron o Pazo Episcopal da Catedral de Tui a usos museísticos poranse en marcha nas vindeiras semanas

O proxecto, no que colaboran a Xunta, o Ministerio de Fomento e a Diocese de Tui-Vigo, está enmarcado no Plan Catedrais no que traballa o Goberno galego para blindar a conservación dos cinco templos catedralicios da Comunidade

A intervención que se licitará proximamente inclúe a mellora da accesibilidade, a rehabilitación das cubertas do claustro e a adaptación do edificio para usos museísticos

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade salientou que os traballos permitirán que esta Catedral continúe sendo "unha das principais iconas do Concello de Tui"
 

Tui (Pontevedra), 9 de xuño de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou hoxe a Catedral de Tui, onde está previsto licitar nas próximas semanas unha serie de actuacións para adecuar o Pazo Episcopal a usos museísticos. Trátase dun proxecto no que colaboran a Xunta de Galicia, o Ministerio de Fomento e a Diocese de Tui-Vigo e que se enmarca no Plan Catedrais no que traballa a Administración autonómica para actuar nos templos catedralicios da Comunidade co horizonte do Xacobeo 2027.

Como explicou o responsable de Cultura, o proxecto é un exemplo de colaboración entre administracións que permitirá actuar tanto no interior como no exterior do Pazo Episcopal mellorando a súa accesibilidade e rehabilitando as cubertas do claustro para adaptar á edificación a novos usos museísticos. Trátase dunha intervención financiada ao abeiro do 1,5% cultural que, no seu conxunto, conta con preto de 600.000€ de orzamento, dos que a Xunta achega 175.000, e que, tal e como engadiu, garantirá que o templo tudense continúe sendo "unha das principais iconas do concello e un punto de referencia para a sociedade e paisaxe urbana de Tui".

Nesta liña, o conselleiro incidiu en que tanto as actuacións que se porán en marcha en Tui, como as que a Administración autonómica impulsa en diferentes puntos da xeografía galega, "requiren que todas as administracións implicadas traballemos xuntas, de xeito planificado, coordinado e sumando vontades e esforzos".

Investimento nos últimos anos

Román Rodríguez fixo fincapé en que os traballos previstos están encadrados no Plan Catedrais, unha “útil ferramenta que marca a folla de ruta dos vindeiros anos no eido patrimonial e que servirá para fortalecer e reforzar o papel que xogan as catedrais, que no seu conxunto suman máis de 4.500 anos de historia, dentro do escenario patrimonial galego". Así, co horizonte no Xacobeo 2027, a Administración autonómica traballa para blindar algúns dos maiores bens patrimoniais de Galicia vencellados ao Camiño de Santiago "para que afronten a década xacobea nas mellores condicións de conservación".

As actuacións previstas ao abeiro do Plan Catedrais súmanse aos investimentos que a Xunta puxo en marcha nos últimos anos neste templo para impulsar os atractivos dun dos monumentos máis senlleiros da arquitectura relixiosa que é, ademais, unha das xoias máis destacadas do Camiño Portugués a Santiago. Neste sentido, o conselleiro lembrou que nos últimos anos o Goberno galego investiu preto de 530.000€ para garantir a súa correcta conservación e posta en valor.

Imaxes relacionadas