A Xunta comunica ao Ministerio de Agricultura un foco positivo por sars-cov-2 nunha granxa de visóns de Carral

A comunicación da positividade, que tamén se trasladou ao titular da explotación, faise consonte ás normas de comunicación de enfermidades emerxentes vixentes en España

Cumprindo co Programa de prevención, vixilancia e control elaborado polo Goberno central en colaboración coa Xunta, procederase a realizar o seguimento da granxa para determinar as actuacións a levar a cabo
 

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2021

A Consellería do Medio Rural vén de comunicar hoxe ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA) a existencia dun foco de positividade por SARS-CoV-2 nunha granxa de visóns americanos situada no concello de Carral.

En aplicación dos vixentes protocolos de vixilancia desta enfermidade nas granxas de visón americano, tras as análises laboratoriais realizadas confirmouse a existencia de circulación viral SARS-CoV-2 nesta granxa en cinco mostras. A explotación permanece inmobilizada e sometida a vixilancia e control oficial polos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural. A enquisa epidemiolóxica realizada na granxa non amosa ningunha sintomatoloxía nos animais presentes.

A detección deste foco prodúcese no marco dos controis de vixilancia que se veñen realizando ao abeiro do “Programa de prevención, vixilancia e control de SARS-CoV-2 en granxas de visóns americanos en España”, elaborado polos Ministerios de Agricultura e de Sanidade e no que colaborou activamente Galicia.

En aplicación do citado programa, esta granxa estaba a ser sometida á toma de mostras rutineiras de animais con periodicidade quincenal, obtendo ata agora resultados negativos. Así, tras a detección do foco positivo, a granxa foi inmobilizada polos servizos veterinarios oficiais da Consellería e sometida a probas sanitarias que resultaron positivas a SARS-CoV-2 en cinco dos animais mostrexados.

As cepas virais detectadas nos animais serán sometidas aos oportunos estudos epidemiolóxicos para tentar determinar a orixe da infección, aínda que todo apunta, como en casos precedentes, a unha orixe humana.

En toda Galicia, actualmente existe un total de 25 granxas activas de visón americano cun censo total de 71.479 reprodutoras. Dende as primeiras informacións recibidas procedentes dos Países Baixos en abril de 2020, en relación con explotacións de visóns infectadas co SARS-CoV-2, a Xunta mantivo un contacto permanente co sector peleteiro galego e trasladou, nominalmente, a todas as explotacións activas a información actualizada da situación, tanto en Europa como en España, a través de varias comunicacións.

Nestas comunicacións incidíase no incremento das medidas de bioseguridade nas explotacións e fundamentalmente no relativo a evitar a transmisión do virus a través de persoas infectadas, dado que é esta a principal vía documentada de contaxio para estas granxas.

O Goberno galego continuará actuando nesta materia consonte aos devanditos protocolos de prevención, vixilancia e control, en permanente coordinación coa Consellería de Sanidade, sempre coa máxima transparencia e co obxectivo último de preservar a saúde da cidadanía.

Este foco comunicarase oficialmente por parte do MAPA á Organización Mundial de Sanidade Animal (OIE) e á Comisión Europea.