Gabriel Alén louva a relación da paisaxe co deporte da Baixa Limia como exemplo de recurso de desenvolvemento sostible

O delegado territorial sinalou que, na súa aposta por fomentar Galicia como un destino turístico de calidade, a Xunta asinou un convenio co INORDE para apoiar actividades relacionadas coa promoción e a dinamización turística na provincia de Ourense, ao que destina 52.000 euros

A IV edición da ‘Ourense Strade Termal’ contará coa participación de máis de 400 cicloturistas sobre un escenario de 132 e 89 quilómetros de gran ou medio fondo que poderán ser protagonistas en primeira persoa dunha paisaxe en estado puro

Ourense, 09 de xuño de 2021

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, louvou as terras da Baixa Limia como “un exemplo de significación da paisaxe que posúe a notoriedade dos recursos endóxenos como unha posible lanzadeira do sector económico e do desenvolvemento sostible.
Nelas –explicou o delegado territorial- o vindeiro domingo 13 de xuño, realizarase a IV edición da <<Ourense Strade Termal>>, organizada polo Inorde, co apoio da Axencia Turismo de Galicia. Unha proba cicloturista que percorrerá os concellos ourensáns de Entrimo, Lobeira, Bande e Calvos de Randín, así como Muíños e Lobios, onde ofrecerá aos participantes a oportunidade de coñecer novos portos de montaña nun percorrido esixente con espectaculares paisaxes, todo elo dentro do Parque Natural do Xurés-Geres.
Gabriel Alén sinalou que, na súa aposta por fomentar Galicia como un destino turístico de calidade, a Xunta asinou un convenio co Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), para apoiar actividades deportivas relacionadas coa promoción e a dinamización turística na provincia de Ourense. O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente do Inorde, Rosendo Fernández, materializaron este convenio a través do que o Goberno galego destina 52.000 euros cos que dar a coñecer Galicia e Ourense en distintos eventos deportivos previstos para este ano na provincia.


Deste xeito -continuou o representante do Goberno galego-,o investimento por parte da Xunta inclúe o apoio á promoción dos recursos turísticos da comunidade galega e a provincia ourensá no Campionato de Europa Junior de Rallies previsto para mediados de xullo se a situación sanitaria o permite; a 4ª edición da Gladiator Race Vía Nova en Muíños, a primeira proba de obstáculos nocturna en España, ou o Trail do Xurés, tamén no concello de Muíños, así como distintos eventos ciclistas, de piragüismo, remo ou vela na provincia.
Máis de 400 participantes sobre un escenario de 132 e 89 quilómetros de gran ou medio fondo, dentro do Calendario Nacional da Real Federación Española de Ciclismo, e con saída e chegada situadas no Concello de Lobios, no Balneario de Caldaria en Riocaldo, poderán ser protagonistas en primeira persoa dunha paisaxe en estado puro onde se combinan a singularidade, a historia e o valor patrimonial do conxunto do territorio, concluíu.

Imaxes relacionadas