A Xunta colabora na ampliación e na instalación de cuberta no parque infantil do Monte da Ovella de Mondariz

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou hoxe xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, as melloras levadas a cabo no concello ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público

O Goberno galego financia a través desta orde a creación ou mellora das infraestruturas vinculadas á prestación de servizos municipais, así como a dotación de equipamento
 

Mondariz (Pontevedra), 9 de xuño de 2021

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, as obras realizadas en Mondariz para ampliar o parque infantil de Monte da Ovella e que inclúen a instalación na nova zona dunha cuberta que permita desfrutar desta área de ocio ao aire libre durante todo o ano. A Xunta apoiou estas actuacións con máis de 33.800 euros ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público.

As obras consistiron na ampliación do espazo desta área que conta varias zonas destinadas ao ocio infantil e unha zona de paseo con xardín. Na nova zona para o lecer infantil que se vai ampliar e na que se instalarán con novos elementos tamén se colocará unha cuberta.

O Goberno galego colabora co concello neste proxecto destinado a reforzar os servizos para o lecer infantil e co que se pretende tamén fomentar o impulso demográfico e a práctica de actividade deportiva. Natalia Prieto engadiu que, ademais, axudará a dinamizar o centro neurálxico do concello, xa que esta área de ocio ao aire libre está situada preto da Casa do Concello, da biblioteca municipal, da sede da Policía Local, así como do centro de saúde e do centro social.

A Xunta financiou estes traballos no marco da Orde de infraestruturas de uso público, coa que apoia as iniciativas dos concellos galegos para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais.

Na convocatoria deste ano, o Goberno galego mantén o orzamento de 4 millóns de euros que destinou o ano pasado a esta liña de axudas, despois de incrementalo en 2020 nun millón de euros respecto do orzamento do 2019.

O Concello de Mondariz recibiu nos últimos anos case 249.000 euros das diferentes liñas da Vicepresidencia Primeira. Tanto a través da Orde de Infraestruturas de uso público para a mellora deste e outros parques, o acondicionamento de prazas ou a reforma de varias dependencias da Casa do Concello; e mediante o Fondo de Compensación Ambiental apoiando a creación de instalacións para Protección Civil e a Policía Local ou a mellora da eficiencia enerxética do alumeado público.


A directora xeral de Administración Local destacou a importancia da colaboración entre a Administración autonómica e a local, que é a mellor coñecedora das necesidades e demandas da veciñanza, xa que grazas a estas axudas, os concellos galegos levan a cabo actuacións que repercuten en melloras directas para o día a día dos cidadáns e que non se poderían levar a cabo en moitas ocasións se non fose pola colaboración entre Xunta e concellos.
 

Imaxes relacionadas