A Xunta adxudica á empresa Acevi a obra do punto de encontro familiar de Ribeira, que contará cun investimento de 128.500 euros

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou hoxe o espazo onde se situará o PEF

Será o primeiro centro de Galicia destas características fóra das sete cidades

Ao investimento inicial engadiranse outros 150.000 euros anuais para os gastos de mantemento

Permitirá que as nais e pais separados ou en trámites de separación do Barbanza realicen as visitas que lles corresponden dun xeito seguro
 

Ribeira (A Coruña), 9 de xuño de 2021

A Xunta de Galicia adxudicou á empresa pontevedresa Actividades de Construcción, Edificaciones y Viales, SL (Acevi) a obra de construción do novo Punto de Encontro Familiar (PEF) de Ribeira. O novo centro contará cun investimento de 128.500 euros, aos que hai que engadir outros máis de 150.000 euros anuais para o seu mantemento. O director xeral de Familia, infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou hoxe o espazo onde se situará o futuro PEF.

O prazo de execución dos traballos é de catro meses, polo que se estima que o centro estará listo para a súa apertura no último cuadrimestre do ano. Será un servizo destinado a atender ás veciñas e veciños de toda a comarca, que agora se teñen que trasladar a Santiago para realizar estas visitas.

O Concello de Ribeira converterase deste xeito no primeiro de Galicia en contar cun Punto de Encontro Familiar fóra das sete cidades. Dentro da estratexia do Goberno galego para ampliar este servizo, o horario dos centros incrementouse de cinco a sete días á semana para poder cumprir coas medidas xudiciais e atender os protocolos de prevención fronte á covid-19. Este punto permitirá que as nais e pais separados ou en trámites de separación do Barbanza realicen as visitas que lles corresponden dun xeito seguro.