Ethel Vázquez pide que o Goberno de España confirme que as bonificacións da AP-9 se aplicarán en xullo e incluirán o transporte de mercadorías

Vázquez Mourelle lembra que o ministro de Transportes se comprometeu co presidente da Xunta a realizar os trámites para que os descontos comezasen en xullo como moi tarde e coa máxima bonificación posible para o transporte de mercadorías

Remarca que as bonificacións da AP-9 deben ser útiles para os galegos e para Galicia e non unha nova fonte de rendibilidade para Audasa

Comparte a preocupación dos transportistas polo impacto das peaxes na súa actividade e lamenta que se fale de novas taxas polo uso de autovías antes de aplicar as bonificacións na AP-9
 

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2021

Ethel Vázquez pediu hoxe que o Goberno de España confirme que as bonificacións da AP-9 se aplicarán no mes de xullo e que os descontos incluirán o transporte de mercadorías.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantivo hoxe unha xuntanza con representantes do Clúster da Función Loxística de Galicia, da Federación Galega de Transporte de Mercadorías-Fegatramer e de Apetamcor-Fegatrans.

Vázquez Mourelle lembrou que o ministro de Transportes, José Luis Ábalos, se comprometeu nas xuntanzas de marzo e de abril co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a realizar os trámites para que os descontos puidesen comezar a aplicarse en xullo como moi tarde.

Recordou que o Goberno central tamén se comprometeu a atender as demandas de Galicia á hora de aplicar eses descontos, o que inclúe a máxima bonificación posible para o transporte de mercadorías, cuxa preocupación polo impacto das peaxes na actividade económica asegurou compartir.

Neste sentido, a conselleira lamentou que o Executivo estea a lanzar noticias sobre novas peaxes nas autovías antes de aplicar as bonificacións da AP-9 e que a estas alturas os transportistas descoñezan aínda os descontos dos que van poder dispoñer na autoestrada estatal.

 

Subliñou que o sector do transporte de mercadorías e da loxística aglutina a máis de 5.000 empresas galegas, que sofren o agravio da comunidade en relación coas peaxes da AP-9, cunha acumulación de subas extraordinarias que a fai das máis caras de España.
Concretou que esta autoestrada é a principal arteria de comunicación de Galicia, sen outra alternativa, polo que o transporte de mercadorías afronta un incremento progresivo de custos que merma a súa competitividade.

Ademais, sumou a este agravio a posición periférica de Galicia, onde as empresas teñen que realizar un esforzo maior para colocar os produtos nos principais mercados do país e do continente.
Referiuse á aposta por adoptar medidas que eviten a transferencia de tráfico pesado desde a AP-9 cara ás vías convencionais, que teñen moitos treitos de travesías e un risco de sinistralidade moito maior. Así, engadiu que non só se trata de incidir na competitividade, senón tamén na seguridade viaria.


A Xunta vén reiterando a aplicación das bonificacións que o Goberno central anunciou xa en outubro. Non obstante, os Orzamentos Xerais do Estado para 2021 foron aprobados e o 1 de xaneiro as bonificacións non só non se aplicaron, senón que a AP-9 foi a autoestrada que máis subiu de España.

Ante esta situación, o Goberno galego continúa demandando a activación destes descontos canto antes e especialmente aos usuarios frecuentes e ao transporte de mercadorías.
Ethel Vázquez detallou que os 50M€ consignados nos Orzamentos Xerais do Estado para bonificacións deben ser útiles para os galegos e non unha nova fonte de rendibilidade para Audasa.

A este respecto, a Xunta presentoulle en febreiro ao Ministerio de Transportes unha proposta completa, froito dun rigoroso traballo de estudo e cálculos, na que se fixou unha bonificación para vehículos pesados capaz de captar tráfico para a autoestrada, ao ofrecer unha viaxe competitiva.

Imaxes relacionadas