A Xunta e o Concello de Dozón abordan a implantación do programa Xantar na Casa

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, explica as vantaxes desta iniciativa ao alcalde desta localidade pontevedresa, Adolfo Campos

Xa hai 188 municipios adheridos a esta proposta, que ten preto de 1700 persoas usuarias
 

Dozón (Pontevedra), 9 de xuño de 2021

A Xunta de Galicia estuda a implantación do programa Xantar na casa en Dozón. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o alcalde deste concello pontevedrés, Adolfo Campos, abordaron hoxe esta posibilidade co fin de garantir unha dieta saudable e equilibrada a domicilio ás veciñas e veciños deste municipio.

Perfecto Rodríguez amosou a disposición do Goberno galego de seguir a estender o Xantar na casa ao maior número posible de concellos de Galicia, pois «é unha boa alternativa para que, fundamentalmente, os maiores que viven sen compañía estean atendidos correctamente no ámbito da alimentación nos seus propios fogares». Na actualidade xa son 188 os concellos de toda Galicia adheridos a esta iniciativa, da que se benefician preto de 1700 persoas.

O xerente do Consorcio explicou que son os servizos sociais municipais os encargados de seleccionar ás persoas beneficiarias do programa. Aínda que os seus destinatarios son, sobre todo, maiores que viven sos, tamén se poden beneficiar persoas dependentes e en situación ou risco de exclusión social. A Administración autonómica, pola súa banda, asume o financiamento do 50% dos prezos dos menús, mentres as entidades locais achegan o 25% e os beneficiarios o 25% restante.

Entrega semanal da comida

En canto ao funcionamento de Xantar na casa, a comida repártese nos domicilios nunha única entrega semanal para os sete días, polo que soamente hai que quentala antes de consumila. A aqueles usuarios do programa que carezan de neveira ou microondas facilítaselles os electrodomésticos necesarios para preservar os alimentos.
Ademais de ofrecer unha dieta sa e adaptada ás necesidades de cada usuario, a través do Xantar na casa é posible facer un seguimento individualizado, previr posibles incidencias e actuar con celeridade ante calquera incidencia.
 

Imaxes relacionadas