A Xunta celebra en Lugo o Día dos Arquivos publicando unha reportaxe gráfica de Vega sobre o derrubamento dun edificio en Campo Castelo

O delegado territorial, Javier Arias, gabou o labor do Arquivo Histórico Provincial de Lugo como “depositario da nosa memoria colectiva”

As imaxes que se incorporan este ano á colección “Documentos singulares” foron tomadas hai medio século, en febreiro de 1971
 

Lugo, 9 de xuño de 2021

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade celebra en Lugo o Día Internacional dos Arquivos cunha nova entrega dos Documentos singulares do Arquivo Histórico Provincial, que nesta ocasión rende homenaxe ao fotógrafo José Luís Vega e a unha reportaxe que cumpre medio século de historia.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou nos actos organizados polo Arquivo para conmemorar esta data xunto co persoal do centro, entre eles a directora, Dolores Pereira, e Carla Cociña, encargada este ano de elaborar o texto que contextualiza os documentos gráficos seleccionados.
Arias gabou “o gran labor que desenvolve o Arquivo como depositario da nosa memoria colectiva”. Este valioso papel ponse de manifesto un ano máis coa publicación de seis fotografías que recollen o proceso de derrubamento dun edificio na antiga rúa Calvo Sotelo (hoxe Campo Castelo).
As imaxes reflicten o progresivo deterioro do inmoble desde que ameaza caída, coa aparición das primeiras fendas ao escavar ao seu carón, ata o seu colapso final a pesar dos intentos de apuntalalo. Valéronlle ao seu autor recoñecemento profesional; publicáronse no xornal El Progreso e a través da Axencia EFE foron difundidas por todo o país por diarios como ABC, YA ou La Vanguardia Española, e mesmo polos servizos informativos de Televisión Española, e foron elixidas como mellor reportaxe fotográfico de febreiro de 1971.
José Luis Vega exerceu a súa profesión en Lugo ao longo de 40 anos, tanto na rúa como en estudo. O Arquivo Histórico Provincial custodia máis de 300.000 negativos que recollen actos sociais e institucionais, retratos, imaxes tomadas pola rúa ou manifestacións relixiosas, entre outras, deixando testemuña do devir da cidade e da sociedade lucense.

 

Tamén evoca a nosa historia recente a exposición Envíame unha postal, que amosa imaxes doutro fotógrafo cuxo fondo custodia o centro: Luís García Garrabella. Son fotografías tomadas nas décadas dos anos 40 e 50 do século XX a paisaxes e monumentos de varias poboacións das provincias de Lugo e A Coruña. Os arquivos públicos custodian unha moi importante cantidade de fondos fotográficos de todo tempo e contido, e con estas accións de visibilidade o centro lucense quere poñer en valor o seu legado.
O Arquivo invita á cidadanía en xeral, e aos centros de ensino en particular, a ver estes documentos gráficos e achegarse ao seu traballo. O teléfono de contacto para establecer quenda de visita é o 982 828 318; tamén pode solicitarse cita a través do correo electrónico do centro: ahp.lugo.informacion@xunta.gal. Seguiranse en todo momento as medidas sanitarias en vigor, e poden organizarse grupos de ata 10 persoas. Por último, difundirán a celebración na súa páxina de Facebook, onde publicarán a secuencia das imaxes de Vega.

Axudas

Javier Arias lembrou que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade colabora coas administracións locais e entidades sen fin de lucro que conten cun local estable destinado ao arquivamento e que custodien fondos documentais constitutivos do patrimonio documental de Galicia.
A tal fin, convoca anualmente unha liña de axudas, que na última edición sumou 35.000 euros en achegas para os concellos lucenses de Antas de Ulla, Abadín, A Pontenova, Cervantes, Taboada, Pol e Guitiriz.

Imaxes relacionadas