Un total de 463 establecementos da cidade da Coruña adheríronse ao Bono Activa Comercio posto en marcha pola Xunta para fomentar as compras de proximidade

A maioría dos comercios que se uniron a esta iniciativa pertencen ao sector textil e de calzado; aínda que tamén teñen gran presenza as librarías; salóns de peiteado e barberías; e os establecementos de venda de electrodomésticos e outros aparellos de uso doméstico

A provincia da Coruña é a que conta con máis negocios nos que se pode utilizar o bono, com 2615 tendas

Máis de 126.000 clientes xa descargaron o bono desconto de 30 euros, que segue dispoñible en bonosactivacomercio.gal

A Coruña, 9 de xuño de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, informou, nun encontro con Miguel Agromayor, presidente da Federación Provincial de Comercio, da iniciativa Bono Activa Comercio, despois de que o pasado luns 31 de maio se pechase o prazo de rexistro para os negocios interesados. Así, un total de 463 tendas da Coruña uníronse a este programa posto en marcha desde a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación co obxectivo de fomentar o comercio de proximidade. Por provincias, A Coruña é a que conta con máis comercios adheridos, con 2615.

Con respecto aos usuarios, a día de hoxe son máis de 126.000 os galegos e galegas que xa descargaron o bono desconto por valor de 30 euros, pertencendo 53.300 á provincia da Coruña. Todos aqueles consumidores que aínda non descargaron o seu bono, aínda están a tempo de facelo na web bonosactivacomercio.gal.

A iniciativa, deseñada en colaboración coa Federación Galega de Comercio, enmárcase dentro do Plan de medidas específicas de apoio ao comercio galego, que conta con axudas específicas para incentivar o consumo e apoiar a modernización do sector a través da dixitalización e o comercio en liña.

A maioría dos comercios que se uniron a esta iniciativa pertencen ao sector textil e de calzado; aínda que tamén teñen gran presenza as librarías; salóns de peiteado e barberías; e os establecementos de venda de electrodomésticos e outros aparellos de uso doméstico

En concreto, o Bono Activa Comercio conta cun orzamento de 10M€ cos que se pretenden mobilizar 55 millóns no sector e chegar a 330.000 clientes en toda Galicia, que poden obter aínda o seu bono con 30 euros de desconto para compras en establecementos locais.

Imaxes relacionadas