A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado visitou o Albergue Xuvenil emprazado na praia das Sinas

Política Social inviste preto de 180.000 euros na posta a punto do Albergue Xuvenil As Sinas para este verán

Neste albergue se levan a cabo actividades como vela, táboa piragua, snorkel, perca, fútbol, baloncesto, paddlesurf, entre outros

As quendas para participar nos campamentos comenzan o 1 de xullo e rematan o 4 de setembro e terán un aforo de 60 mozos e mozas por quenda

Na praia das Sinas ten lugar un campo de voluntariado con temática medioambiental e mariño centrado na recuperación ambiental

Pontevedra, 8 de xuño de 2021

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe o Albergue Xuvenil As Sinas para supervisar os traballos de mellora que se están a realizar, cun orzamento próximo aos 180.000 euros, co fin de poñer a punto as instalacións de cara ao verán.

Durante a visita, Cristina Pichel puido observar de primeira man os labores de mantemento que se están a realizar no albergue, onde para o pintado interior e exterior dos barracóns, dos radiadores, do comedor ou do peche perimetral da instalación se lle destinan 47.000 euros. Por outra banda, para a mellora das paredes interiores dos barracóns se lle destinou 41.000 euros. Tamén, para a reparación das fiestras, da cociña, do comedor, para a substitución e reparación das portas, das duchas e dos armarios se lle achegaron máis de 39.000 euros. A axuda restante se lle destina a cuestións de fontanería, electricidade, limpeza especial, equipamento da enfermaría, colchóns ou de materiais para actividades e o acondicionamento dos exteriores.

O albergue xuvenil As Sinas é un dos que compoñen a programación da oferta da campaña de verán da Xunta de Galicia, que este ano supera as 7.800 prazas, mil máis que en 2020. Neste albergue lévanse a cabo diferentes actividades como vela, táboa piragua, snorkel, pesca, fútbol, baloncesto, paddlesurf, entre outros.

As quendas que terán os campamentos levados a cabo neste albergue serán do 1 de xullo ao 10 de xullo, do 15 ao 24 de xullo, do 29 de xullo ao 7 de agosto, do 12 ao 21 de agosto e por último do 26 de agosto ao 4 de setembro, e en cada quenda poderá haber un aforo de ata 60 mozos e mozas.

Cristina Pichel destacou o valor que teñen este tipo de actividades nas que se pretende fomentar o lecer educativo saudable e seguro, ademais de promover que a mocidade galega coñeza a xeografía e o patrimonio natural, cultural e etnográfico do que dispón a nosa Comunidade.

Salvemos o mar: plásticos cero, na praia das Sinas

Neste lugar, ademais ten lugar o Campo de Voluntariado Salvemos o mar: plásticos cero, de temática medioambiental e mariño, centrado na recuperación ambiental da costa dende a praia das Sinas ata o porto de Vilanova de Arousa, pasando pola praia do Bao, a praia de Braña, a illa da Insuíña e a área de bateas de Vilanova.

Imaxes relacionadas