A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado visitou este municipio pontevedrés

A Xunta visita o Espazo Xove de Vilagarcía de Arousa para explicar as novidades do Carné Xove

Entre as novidades desta tarxeta destacou que é gratuíta e indefinida ata o máximo de idade permitida, polo que non é necesario renovala

Cristina Pichel explicou o procedemento de activación do Carné Xove para resolver as posibles dúbidas dos mozos e mozas galegos
 

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 8 de xuño de 2021

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acompañada polo delegado da Xunta na provincia de Pontevedra, Luis López, visitou hoxe o Espazo Xove de Vilagarcía de Arousa onde explicou as novidades que presenta este ano o Carné Xove, unha iniciativa a través da cal a mocidade galega pode acceder a numerosos descontos e vantaxes en moitas entidades, establecementos galegos e tamén no resto de comunidades autónomas e nos 40 países europeos adheridos ao programa Carné Xove Europeo.

Cristina Pichel explicou que este ano a Xunta de Galicia está enviado o Carné Xove de xeito totalmente gratuíto a todos os potenciais usuarios, máis de 400.000 mozos e mozas galegos de entre 12 a 30 anos. Ata agora, para obter o carné había que solicitalo, pagar unha taxa de 6 euros e renovalo cada dous anos. A partir deste ano é, por tanto, 100% gratuíto e dura ata o máximo de idade permitida. Estas vantaxes aplícanse tanto para os usuarios que xa dispoñían del como para os novos mozos e mozas que queiran empregalo.

Neste sentido, e para este último grupo, a mocidade que reciba por primeira vez o Carné Xove nos seus domicilios tan só terá que desprazarse ata un dos puntos de activación para poder empregalo e gozar das súas vantaxes. Un deses puntos é, como lembrou a directora xeral, o Espazo Xove de Vilagarcía.

Así mesmo, tamén recordou que, con esta tarxeta, os usuarios poden acceder a descontos no ámbito cultural, nos transportes, no comercio, en librerías ou en máis de 50 establecementos hoteleiros grazas ao recente acordo impulsado co Clúster de Turismo de Galicia, cuxa información se pode consultar en http://xuventude.xunta.es/carnes-para-a-mocidade/carne-xove. A maiores, este ano tamén se poñerá en marcha unha aplicación móbil que permitirá ter acceso a un listado de descontos e promocións xeolocalizados.
 

Imaxes relacionadas