O conselleiro de Sanidade destaca o compromiso constante da nosa Comunidade na loita contra a meninxite

No acto de inaguración da exposición “As caras da meninxite”, na Fundación Abanca, Julio García Comesaña destacou o traballo que desenvolve a Asociación Española contra esta enfermidade

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, inaugurou hoxe pola mañá, na Fundación Abanca de Santiago, a exposicion “As caras da meninxite”, destacando todo o traballo que desenvolve a Asociación Española contra a Meninxite, que non cesa no seu esforzo, no seu compromiso nin na súa ilusión. Na súa intervención, o máximo responsable sanitario remarcou que, dende hai anos, Galicia mantén un compromiso constante na loita contra esta enfermidade, baseándose en dous piares que son “a vixilancia epidemiolóxica e os programas de vacinación”.

Tal e como subliñou o conselleiro, Galicia foi pioneira nesta loita, levando a cabo procesos de vacinación masiva na infancia e na adolescencia. Tamén foi pioneira en incorporar a vacina fronte ao meningococo C no seu calendario infantil.

A nosa Comunidade Autónoma foi incorporando melloras técnicas aos programas de vacinación, como a redución das pautas ou os cambios nas idades de administración. Un destes cambios, -remarcou García Comesaña-, produciuse hai dous anos, ao substituír do calendario a vacina monovalente fronte ao meningococo C dos 12 anos, por unha tetravalente que, ademais, protexe fronte aos serogrupos A, Y e W.

Segundo dixo o conselleiro, “Galicia vai continuar por esta liña de abordaxe da enfermidade para acadar o obxectivo que todos ansiamos, que a meninxite pase a ser unha enfermidade do pasado”.
 

Imaxes relacionadas