A Xunta reforza na Estrada a preparación do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia ante lumes de situación operativa 1

Hoxe levouse a cabo un simulacro na parroquia de Liripio, para comprobar as capacidades do dispositivo en lumes que afectan de xeito importante ao monte ademais de poder poñer en risco ás persoas e bens

En concreto, realizáronse adestramentos específicos sobre comunicacións Tetra, manobras de autoprotección ou coordinación de medios de distintos distritos

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2021

A Xunta vén de reforzar a preparación do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais (SPIF) de Galicia ante lumes nos que se activa a situación operativa 1, pola afectación a masas forestais e pola posibilidade de que estean en risco tanto as persoas como os seus bens. En concreto, hoxe realizouse un simulacro na Estrada para comprobar as capacidades xerais do dispositivo neste tipo de situacións.

Así, os distritos forestais XVI Deza-Tabeirós e o XIX Caldas-O Salnés puxeron a proba a capacitación dos efectivos mediante adestramentos específicos sobre comunicacións Tetra, manobras de autoprotección, coordinación de medios, etc. Tamén se ensaiou a coordinación de medios de distintos distritos e a activación da chamada de emerxencia por parte dos profesionais cando se atopan en situacións de perigo.

Este simulacro desenvolveuse no lugar de Canda, parroquia de Liripio, onde participaron 5 técnicos, 4 axentes, 4 brigadas, 4 motobombistas e 3 emisoristas. Ademais, tamén se despregou unha unidade técnica de apoio formada por un técnico do servizo provincial.

En definitiva, este tipo de prácticas permiten non só reforzar os coñecementos dos integrantes do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia senón tamén testar a operatividade das tecnoloxías e así familiarizar aos profesionais co seu emprego.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural