A Xunta simplifica os trámites e elimina os límites de renda, prezo e duración do novo programa respiro familiar

O Goberno galego vai investir 600.000 euros para financiar o 100% dunha estancia en calquera residencia, sen límite de tempo ata un máximo de 1500 euros; ou un coidador no fogar, ata un máximo de 1000 euros

Este xoves publicarase a orde no Diario Oficial de Galicia e a partir do día seguinte poderase acceder a esta axuda ao presentar a factura do servizo recibido

Poderanse xustificar estancias temporais desde o 1 de xaneiro deste ano, sempre e cando se conte cun informe do traballador social
 

Ribeira (A Coruña), 8 de xuño de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou hoxe durante unha visita ao centro de día público autonómico para persoas con alzhéimer de Ribeira, que xestiona Agadea, que a Xunta simplificou os trámites e eliminou os límites de renda, prezo e duración do novo programa de Respiro familiar, co que persoas dependentes ou con discapacidade realizan estancias temporais en residencias que facilitan o descanso dos seus coidadores.

En concreto, a conselleira de Política Social explicou que a nova orde de Respiro familiar trae consigo varias modificacións para facilitar a solicitude e a concesión da axuda. Entre elas, eliminaranse os catro tramos de renda do solicitante, o custo da praza da residencia e, ademais, xa non haberá os 15 días de duración máxima que recollía con anterioridade a orde.

O Goberno galego vai investir 600.000 euros para financiar o 100% dunha estancia en calquera residencia de Galicia sen límite de tempo e ata un máximo de 1500 euros; ou achegará un máximo de 1000 euros para aboar o custe dun coidador no fogar.

Publicación no DOG

Este xoves o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará a orde e, a partir do día seguinte e ata o 30 de novembro, poderase acceder a esta axuda da Xunta de Galicia ao presentar a factura do servizo recibido. Poderanse xustificar estas estancias temporais desde o 1 de xaneiro deste ano, sempre e cando se conte cun informe do traballador social que o acredite.

Fabiola García recordou o esforzo que realizan a diario as persoas coidadoras na atención e agarimo a aqueles que o precisan. Subliñou que este labor se duplicou coa pandemia provocada pola covid-19. Por esta mesma razón, se mellorou este programa que a Xunta de Galicia pon en marcha desde hai anos.

Imaxes relacionadas