A Xunta recibe o “Premio Azor” da Brigada Galicia VII da Brilat pola prevención e defensa dos montes galegos

O conselleiro destacou a importancia de estar preparados, tanto en medios materiais como en recursos humanos, co fin de salvagardar a seguridade dos galegos

A Consellería do Medio Rural traballa diariamente en materia de prevención por medio de accións como as contempladas na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia
 

Boqueixón (A Coruña), 8 de xuño de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, recibiu o “Premio Azor” concedido pola Brigada Galicia VII da Brilat á Consellería polos labores de prevención e defensa do noso territorio. O acto celebrouse esta mañá no Pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón).

Neste sentido, o conselleiro agradeceu este galardón expresando que se trata dunha honra para toda a Consellería, pero máis se cabe en consideración das misións encomendadas á Brilat. Así, a loita contra os incendios forestais é un labor de todos na que a colaboración é imprescindible, polo que José González indicou que se trata dun premio de todos os galegos e galegas.

O conselleiro destacou a importancia de estar preparados, tanto en medios materiais como en recursos humanos, co fin de salvagardar a seguridade dos galegos, que se leva a cabo por medio de actuacións como a operación Centinela Gallego, velando polos nosos montes mediante a súa vixilancia activa. Do mesmo xeito, mediante a sinatura de diversos convenios de colaboración tales como o asinado entre a Xunta, a Fegamp e Seaga para a protección das aldeas ou o asinado cos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES).

Neste senso, o conselleiro lembrou que a Xunta traballa diariamente en materia de prevención por medio de accións como as contempladas na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que pretende anticiparse aos lumes fomentando a continuidade das explotacións e a boa xestión das terras.

Ademais, José González lembrou que a Consellería está a traballar nas accións do Plan Preventivo de Galicia, nas que se invisten 30 millóns de euros. Tamén fixo referencia ao proxecto Interlumes, ao abeiro do que se construirá unha base aérea en Verín, ou a creación dun Centro Integral de Formación para o Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais que se ubicará en Toén.

Premio Azor

O premio Azor é unha distinción que a Brigada Galicia VII da Brilat outorga cada ano -desde o 2016- a unha entidade, organismo ou institución que se distinguira pola súa vinculación á brigada ao contribuír a mellorar o seu prestixio e imaxe, ou por proporcionar o seu apoio desinteresado para facilitar á unidade o cumprimento dos seus fins.
 

Imaxes relacionadas