Feijóo aborda co alcalde de A Gudiña os principais proxectos para o municipio, como o albergue de peregrinos

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2021

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, abordou hoxe co alcalde da Gudiña, José María Lago Cabo, os principais proxectos para este concello. Ademais, no encontro tamén participou o rexedor do concello de Riós, Francisco Veiga, para abordar a posibilidade de traballar nun proxecto entre concellos limítrofes para optar a fondos europeos.

En canto aos asuntos relacionados co concello da Gudiña, a Xunta está a traballar no acondicionamento do inmoble coñecido como “Casa da Viúva”, ao abeiro do Plan de Albergues 2019-2021, o que permitirá habilitar unha nova instalación de 44 prazas. Prevese que os traballos rematen no vindeiro mes de xullo, polo que a infraestrutura xa estaría preparada para o Xacobeo 21-22 que está en marcha.

Tamén abordaron asuntos relacionados co abastecemento. Actualmente, xa está en redacción un proxecto de abastecemento e saneamento do concello, ademais de que se están a analizar as solicitudes que realizou o concello ao abeiro da orde de axudas da Xunta para pequenas actuacións.

Por último, Feijóo e José María Lago falaron da posibilidade de poñer en funcionamento na Gudiña unha aldea xeradora, que sexa capaz de producir a enerxía suficiente para autoabastecerse. Asimesmo, abordaron as melloras necesarias na estrada OU-533.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
A Presidencia da Xunta