O presidente da Xunta reuniuse hoxe con José Manuel Fernández Gómez

Feijóo aborda co alcalde de Paderne de Allariz a posta en marcha da nova escola infantil, o novo centro de saúde e os avances no parque empresarial e nas telecomunicacións

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2021

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, abordou hoxe co alcalde de Paderne de Allariz, José Manuel Fernández Gómez, os principais proxectos para este concello, como a entrada en funcionamento da nova escola infantil e o novo centro de saúde, ademais dos avances no parque empresarial e na mellora das telecomunicacións.

A escola infantil entrará en funcionamento xa para o vindeiro curso 2021-2022, e dará servizo aos concellos da Mancomunidade, logo de recibir unha inversión da Xunta de 410.000 euros. Ao respecto da Mancomunidade, tamén falaron da súa nova sede e abordaron estudar a posibilidade de adquirir un punto limpo móbil. Sobre a mesa tamén estiveron as primeiras semanas de funcionamento do novo centro de saúde, que entrou en servizo a mediados de abril, e que o titular do Goberno galego visitou días antes da inauguración.

Outro dos temas que se abordaron na reunión foi a evolución do Proxecto sectorial do parque empresarial de Paderne de Allariz, que está agora mesmo na fase de avaliación ambiental estratéxica, un informe que está previsto que finalice a finais de agosto

Ademais, o presidente da Xunta trasladoulle a Fernández Gómez que xa se están dando os primeiros pasos para o inicio dos traballos de posta en marcha dun polígono agrario nese concello, coa finalidade de destinalo á produción gandeira en extensivo.

Por último, abordaron o plan de mellora das telecomunicacións, que pasa por aumentar a cobertura móbil en núcleos como o de San Cristovo, que xa foi incluído na convocatoria de axudas publicada o pasado mes de xaneiro, e que está en fase de revisión das ofertas presentadas polos operadores.

Imaxes relacionadas