Lorenzana defende o rol das institucións na loita fronte aos estereotipos de xénero, na presentación dun libro sobre as primeiras científicas na Universidade de Santiago

A conselleira de Emprego participou hoxe na presentación do libro ‘Tiven a chave, a bicicleta e os catro libros’, de Xoana Pintos

Lorenzana puxo en valor as aportacións femininas ao ámbito científico e a necesidade de dar coñecer o papel da muller nesta área, como fai o libro editado por Galaxia

A Xunta traballa na busca da igualdade efectiva e de mulleres referentes por medio da Unidade de Muller e Ciencia e con campañas en centros escolares e iniciativas como os Premios María Josefa Wonenburger
 

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2021

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe no Museo de Historia Natural de Santiago de Compostela na presentación do libro Tiven a chave, a bicicleta e os catro libros, da doutora en Bioloxía Xoana Pintos, editado por Galaxia, que pon en valor o traballo das mulleres científicas no eido universitario.

A obra, tal e como subliñou Lorenzana, contribúe a “descubrir os talentos” das mulleres pioneiras da ciencia, e mesmo coñecer as vicisitudes ás que se enfrontaron para poder avanzar. “A necesidade de ter referentes femininas é fundamental para animar a que outras mulleres se introduzan nestas disciplinas”, especificou.

“Os estereotipos de xénero das disciplinas científicas forman parte da realidade e as institucións debemos involucrarnos para desmontalos e promover que as ciencias se beneficien das aportacións femininas”, lembrou a titular de Emprego e Igualdade, quen indicou que aínda queda moito traballo por facer.

No mesmo sentido, destacou que segundo ten constatado a Unidade de Muller e Ciencia na área educativa, as mulleres adoitan obter mellores resultados académicos, rexistran menores taxas de abandono escolar, participan en maior medida en actividades de aprendizaxe permanente e engrosan as matrículas universitarias en carreiras vencelladas ás ciencias da saúde (elas supoñen un 76% do alumnado fronte aos homes, que son un 24%) e nas carreiras de ciencias (52% mulleres e 48% homes).

Lorenzana lembrou que desde a Xunta estase a traballar no deseño de actuacións para divulgar a carteira de referentes científicas e súa labor e o empoderamento feminino nesta área. Vaia como exemplo o Premio María Josefa Wonenburguer Planells que recoñece cada ano ás científicas galegas máis destacadas ou o proxecto para os centros educativos tanto en Secundaria como en Bacharelato Nin + nin - iguais de mulleres referentes tanto no rural coma na ciencia, para aportar caras visibles de profesionais femininas líderes nestes ámbitos.

O libro hoxe presentado ofrece unha visión con perspectiva de xénero das científicas galegas no pasado século. Recolle as súas vivencias, os seus esforzos, as súas achegas á ciencia e, sobre todo, os obstáculos cos que estas mulleres se tropezaron no seu momento. “Obstáculos que aínda persisten a día de hoxe e todos coñecemos sobradamente, como no acceso das mulleres ao mercado laboral, na maior precariedade e a fenda salarial existente en comparación cos homes, ou na menor evolución profesional, entre outras razóns, debido á falta de corresponsabilidade nas tarefas do fogar, o que imposibilita unha efectiva conciliación”, afirmou Lorenzana.

A titular de Igualdade destacou que na obra “é visible a loita de dúas forzas: aquela que desexaban relegar ás mulleres á maternidade e ao fogar e aquela que apostaba polo potencial das alumnas e científicas na sociedade”. “Aínda que o contexto social e as expectativas nas mulleres estaban construídas para dirixir o seu rumbo, resulta sorprendente a cantidade de científicas que saíron das aulas das nosas facultades nestes tempos, neste caso, da Universidade de Santiago”, engadiu.

Imaxes relacionadas