A Xunta concede 280.000€ ao Concello da Lama para a mellora viaria e de sinalización do polígono industrial de Racelo e para a creación dun viveiro de empresas

O delegado territorial, Luis López, anuncia esta nova achega, que financia o 80% dos 350.000€ de investimento, nunha visita ao parque empresarial xunto ao alcalde, Jorge Canda

O espazo para emprendedores terá tres naves e espazos comúns para reunións, formación e xestión nun inmoble de máis de 500 m2

“O polígono é imprescindible para a socioeconomía da Lama e, á parte de mellorar as súas infraestruturas, queremos impulsar o emprendemento e a creación de empresas para favorecer a xeración de riqueza e emprego”, explica Luis López

A Lama (Pontevedra), 7 de xuño de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, vén de conceder senllas axudas, por importe de 280.000 euros, ao Concello da Lama para modernizar as infraestruturas do polígono industrial de Racelo e para a creación, neste emprazamento, dun viveiro de empresas ao abeiro da orde de mellora e habilitación de infraestruturas dos parques correspondente ao presente ano 2021.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou da aprobación destas partidas, que se destinarán principalmente á sinalización e acondicionamento das vías e á construción dun espazo para o emprendemento, nunha visita realizada ao complexo industrial na compaña do alcalde da Lama, Jorge Canda.

En total, a Xunta de Galicia vai financiar o 80% dos case 350.000 euros deste dobre investimento, xa que se destinarán preto de 40.000 euros para as infraestruturas co obxectivo de “favorecer a seguridade e mellorar a confortabilidade e a imaxe deste polígono” e 240.000 euros para construir un inmoble que acollerá o viveiro de empresas.

“Este parque empresarial é fundamental e imprescindible na socioeconomía do municipio da Lama, xa que acolle a moitos traballadores e case unha decena de empresas nas súas oito hectáreas, polo que desde a Xunta queremos colaborar para seguir coa modernización deste importante punto industrial e para que estea nas mellores condicións”, explicou Luis López, que engadiu que, co viveiro de empresas “preténdese impulsar o emprendemento e a creación de empresas para favorecer a xeración de riqueza e emprego nun concello rural, que precisa fixar poboación e que se atopa moi preto de Pontevedra”.

Viveiro de empresas

En canto ao proxecto do viveiro de empresas, consistirá na creación dun inmoble de máis de 500 m2 que contará con tres naves, unha de 144 metros e outras dúas, máis pequenas, de 71 metros, e uns espazos comúns con aseos, vestiarios, oficinas e zonas de xestión, sala de reunións e aulas de formación.

Finalmente, o delegado territorial destacou o “gran compromiso do Concello da Lama coa xeración de riqueza e emprego e co asentamento e crecemento empresarial” e exemplificouno na súa integración na iniciativa autonómica de Concellos Emprendedores para ofrecer unha baixa fiscalidade, a concesión de licenzas industriais en prazos abreviados e outras vantaxes aos proxectos empresariais. Ademais, os Concellos Emprendedores obtiveron unha maior puntuación nesta convocatoria de axudas para a mellora e habilitación de infraestruturas na rede de parques empresariais de Galicia.

Imaxes relacionadas