Miranda traslada o apoio de Emigración pola difusión da cultura galega a través do Festival Internacional Rebulir 2021

O secretario xeral da Emigración mantivo hoxe un encontro con Alexandre Sotelino Losada, director artístico do evento

Este ano farase un recoñecemento aos emigrantes do concello de Ramirás

Santiago de Compostela, 07 de xuño de 2021

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo hoxe un encontro co director do Festival Internacional Rebulir 2021, Alexandre Sotelino Losada, a quen lle reafirmou a súa aposta pola divulgación da cultura galega tanto dentro como fóra das nosas fronteiras a través deste evento que se celebra no concello de Ramirás, en Ourense.

O responsable autonómico recordou que o departamento que dirixe colabora desde hai anos con esta iniciativa que, este ano, como novidade, fará un recoñecemento aos emigrantes do concello ourensán no que se celebra.

De feito, a Asociación Rebulir está a traballar xa no XV Festival Internacional Rebulir, un evento que vén consolidándose nos últimos anos como unha das citas do almanaque lúdico-cultural de Ramirás (Ourense), mobilizando cada edición a centos de veciñas e veciños que acoden a desfrutar da música, dos obradoiros e das animacións programadas.

Neste marco, Rodríguez Miranda subliñou o “importante peso histórico, cultural, social e educativo” que ten o festival na comarca, e felicitou aos organizadores pola súa vontade e capacidade de levalo adiante, aínda nesta época marcada pola covid.

Imaxes relacionadas