O Sergas publica o nomeamento dos aspirantes seleccionados no proceso selectivo de persoal estatutario de diversas categorías

Un total de 1.474 aspirantes son nomeados persoal estatutario fixo en diversas categorías de persoal licenciado sanitario de atención primaria, enfermería especialista, fisioterapia, técnico en coidados auxiliares de enfermería e persoal de servizos xerais

Por primeira vez, incorporaranse enfermería familiar e comunitaria como persoal fixo, sendo Galicia unha das primeiras comunidades en incorporar a esta especialidade nos centros de saúde

O esforzo e compromiso dos profesionais que están a prestar servizos en localizacións máis illadas, viuse recoñecido cunha puntuación adicional na fase de concurso para os médicos de familia e pediatras de atención primaria

O 91,18 % das persoas que superaron os procesos selectivos son mulleres e o prazo de toma de posesión, de un mes de duración, iníciase mañá martes día 8
 

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe o nomeamento dos aspirantes seleccionados na última oferta pública de emprego do Sergas. Supoñen un total de 1.474 aspirantes que se incorporarán a partir de mañá ao cadro de persoal fixo do Sistema Público de Saúde Galego.

Do total de aspirantes que formarán parte do cadro de persoal dos centros de saúde e Puntos de atención continuada en atención primaria, 254 son médicos de familia, 93 pediatras de atención primaria, 7 odontólogos e 126 son persoal de servizos xerais, que traballarán no primeiro nivel asistencial. Incorporaranse tamén en hospitais e atención primaria un total de 71 aspirantes da categoría de fisioterapeuta e 772 de técnico en coidados auxiliares de enfermería, dos cales nesta última categoría 11 accederon por primeira vez pola quenda de discapacidade intelectual.

Completan a relación un total de 151 aspirantes das especialidades de enfermería do traballo (2), enfermería familiar e comunitaria (30), enfermería obstétrico-xinecolóxica (89) e enfermería de saúde mental (30). Por primeira vez, incorporaranse enfermería familiar e comunitaria como persoal fixo, sendo Galicia unha das primeiras comunidades en incorporar a esta especialidade nos centros de saúde.

Neste proceso, co obxecto de asegurar a cobertura asistencial dos centros sanitarios illados e cubrir a demanda asistencial de toda a poboación galega, con independencia da súa localidade de residencia, para o acceso ás categorías de médico de familia e pediatra de atención primaria, valorouse na fase de concurso cunha puntuación adicional específica a prestación de servizos nos centros hospitalarios do Barco de Valdeorras, Verín, A Mariña, Cee e Monforte de Lemos así como en centros do nivel de atención primaria que reúnen tal condición de illamento; a meirande parte deles situados nas provincias de Lugo e Ourense. Premiase así o esforzo e compromiso dos profesionais que están a prestar servizos nestes ámbitos.

Esta puntuación asígnase con base na habilitación legal que confire o artigo 115 da Lei de saúde de Galicia.

Datos sobre os seleccionados

En canto aos aspirantes que serán nomeados, cómpre destacar que o 91,18% son mulleres e que a media de idade dos seleccionados sitúase en 42 anos e a porcentaxe de aspirantes menores de 45 anos é do 61%. Un 5,9% dos/das aspirantes definitivamente seleccionados/as accederon por promoción interna e un 7% polas quendas de discapacidade (xeral e intelectual). Un total de 1.355 aspirantes xa están a desenvolver as súas funcións no Servizo Galego de Saúde con carácter temporal, o que representa unha porcentaxe do 91,93 %. 833 profesionais adquiren o destino no mesmo centro de traballo onde están vinculados actualmente, o que representa unha porcentaxe do 61,47% do total de profesionais que traballan no Sergas.

O persoal médico de familia fixo alcanza preto do 90% ( 89,35) do cadro de persoal en atención primaria. En canto a pediatras o 99,27 % tamén en atención primaria. O persoal de enfermería de atención primaria acada o 81,15% con esta incorporación. O persoal fixo en atención primaria supera o 82% do total do cadro de persoal.

Os aspirantes nomeados disporán do prazo dun mes, a contar desde o día seguinte ao da publicación desta Resolución no Diario Oficial de Galicia, para incorporarse á praza adxudicada. O prazo finaliza o 7 de xullo próximo. Esta incorporación suporá cambios no persoal sanitario tanto nos centros de saúde como nos hospitais.

Coa finalización destes procesos selectivos, dáse cumprimento aos compromisos adquiridos por esta Administración de estabilizar e reforzar as estruturas asistenciais do nivel de atención primaria, avanzar na integración laboral das persoas con discapacidade intelectual así como no desenvolvemento do Decreto 81/2016, do 23 de xuño, polo que se creou no ámbito do Servizo Galego de Saúde a categoría estatutaria de enfermeiro especialista, coa progresiva dotación de prazas e a incorporación a estas de persoal fixo en condicións de pleno recoñecemento profesional. Galicia é a Comunidade Autónoma pioneira no desenvolvemento e resolución de procesos para o acceso á condición de persoal fixo de especialidades como a enfermería familiar e comunitaria.

En breve incrementarase o cadro de persoal fixo do Servizo Galego de Saúde con 166 novos profesionais pertencentes á categoría de especialista en enfermería pediátrica, logo da resolución do primeiro proceso de selección fixa para o acceso a prazas desta categoría no Servizo Galego de Saúde e o concurso específico desta especialidade.