A Xunta remata as obras de saneamento da Malata tras un investimento de 7,3 millóns de euros e urxe ao concello de Ferrol a poñelas en servizo o antes posible

Vázquez Mourelle pon en valor a actuación para mellorar a calidade de vida na cidade e para completar o saneamento integral da ría, ao que o Goberno galego leva destinados máis de 115 M€

Construíuse un tranque de tormentas na zona do CIS e outro nas inmediacións de FIMO, ademais dunha estrutura de regulación no acceso ao Porto, cun sistema tecnoloxicamente avanzado e conectado con Meteogalicia

Agarda que sen máis demora a entidade local complete os trámites pendentes e dote o sistema de enerxía para poder activar o saneamento da Malata

Destaca a disposición da Xunta a contratar os traballos de saneamento da marxe esquerda do río Sardiña en canto se teña a conformidade do Concello á proposta de convenio, que a Xunta financia achegando o 70% dos 900.000 € necesarios

Apela ao compromiso do Goberno de España para impulsar obras estratéxicas recollidas no Pacto de Estado por Ferrol, como a necesaria modernización da liña ferroviaria entre Ferrol e A Coruña
 

Ferrol, 7 de xuño de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe o remate das obras de saneamento da Malata tras un investimento da Xunta de 7,3 millóns de euros e urxiu ao Concello de Ferrol a poñelas en servizo o antes posible.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, supervisou esta mañá o resultado destes traballos para apoiar ao Concello nas súas competencias municipais e mellorar a calidade de vida na cidade, completando o saneamento integral da ría de Ferrol, un obxectivo ao que a Xunta leva destinados máis de 115 M€, subliñou.

A conselleira lembrou que esta obra tiña por finalidade darlle continuidade ao treito de interceptor xeral desde a Gándara ata a enseada da Malata e conducir as augas residuais de toda esta zona da cidade, na que ademais de vivendas hai equipamentos importantes, como o campo de fútbol ou a piscina municipal, e levalas ata a depuradora de Cabo Prioriño.

Para acometer estas actuacións foi necesario construír dous tanques de tormentas, un xunto ao CIS e outro de maior tamaño nas inmediacións da Feira de Mostras (FIMO), ademais dunha estrutura de regulación na entrada ao peirao de Fernández Ladreda. Trátase dun sistema tecnoloxicamente avanzado que conta con conexión directa a Meteogalicia e se adapta ás previsións meteorolóxicas.

Remodelouse, tamén, o bombeo existente na Cabana e executáronse os colectores interceptores que completan a rede de saneamento da marxe norte da ría, un sistema que recolle as augas residuais de Ferrol e Narón e as trata na depuradora de Cabo Prioriño.

Ethel Vázquez incidiu no ambicioso desta actuación, rematada completamente desde hai xa algúns meses e, desde hai varias semanas, tamén finalizada a urbanización e a reposición de todo o espazo afectado polos traballos.

En palabras da conselleira, o obxectivo agora é darlle sentido ás obras e ao esforzo investidor que a Xunta realizou para completar o saneamento da ría de Ferrol e para iso ten que poñerse en funcionamento canto antes, remarcou.

A titular de Infraestruturas da Xunta afondou en que é unha cuestión de responsabilidade a súa entrada en funcionamento canto antes, dado que cada día que pase sen funcionar este sistema é un día que se está a perdendo para sanear a enseada da Malata e a ría de Ferrol.

Explicou que, a día de hoxe, só está activada unha parte correspondente coa marxe esquerda da enseada, polo que cómpre que o Concello de Ferrol culmine o antes posible os trámites para dotar o sistema de enerxía e poder conectar todo o sistema á rede de saneamento.

Ethel Vázquez destacou o traballo e os recursos destinados desde o 2009 polo Goberno galego ao saneamento da ría de Ferrol, un obxectivo prioritario da Xunta, “que quere tamén a máxima implicación e a máxima colaboración do Concello neste obxectivo”, incidiu.

A este respecto, sinalou que a Xunta agarda, que sen máis demora, se completen os trámites pendentes e se poña en funcionamento o sistema de saneamento da Malata, rematado pola Xunta tras un investimento de 7,3 M€ co obxectivo de acadar o saneamento integral da ría de Ferrol. Esta actuación foi cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa operativo FEDER 2014-2020.

A conselleira tamén indicou que a Xunta agarda contar o antes posible cunha resposta por parte do Concello á proposta de convenio que recentemente se lle ten remitido para acometer o saneamento da marxe esquerda do río Sardiña, unha iniciativa enmarcada no Pacto de Estado por Ferrol impulsado desde o Goberno galego.

A Xunta redactou o proxecto e dispón do fondos necesarios para achegar o 70% dos 900.000 euros necesarios para estas obras, polo que a conselleira afirmou que, en canto se teña a conformidade do Concello, a Xunta procederá á contratación dos traballos.

Ademais, no marco do Pacto de Estado por Ferrol, Ethel Vázquez apelou a implicación e ao compromiso do Goberno de España na necesaria aposta polo impulso das infraestruturas estratéxicas, como é o caso da modernización da liña ferroviaria Ferrol- A Coruña ou as bonificacións comprometidas na AP-9 que beneficiarían a Ferrol e á comarca, que están a atravesar momentos de dificultades.
 

Imaxes relacionadas