A Xunta adxudica as obras de rehabilitación e posta en valor da Ponte Nafonso en Noia e Outes por preto de 574.000 euros

O inicio dos traballos prevese a comezos de xullo, cun prazo de execución de 6 meses

Esta actuación integral mellorará a seguridade e garantirá a conservación desta infraestrutura, que forma parte da estrada AC-196

O proxecto inclúe actuacións para a iluminación monumental da propia ponte

A intervención enmárcase no programa de inspección e control das pontes e obras de paso que desenvolve a Xunta para alongar a vida útil destas infraestruturas

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2021

A Xunta adxudicou as obras de rehabilitación e posta en valor da ponte Nafonso, na estrada AC-196, entre os municipios de Noia e Outes, por importe de preto de 574.000 euros.

Os traballos, adxudicados á UTE OYS NOROESTE S.L.U.- OBRAS Y VIALES DE GALICIA S.L, comezarán a principios de xullo e terán un prazo de execución de 6 meses.

A actuación ten como obxectivo mellorar a seguridade desta infraestrutura e garantir a súa conservación.

As obras previstas na ponte Nafonso, un ben catalogado patrimonialmente, consistirán na substitución do pavimento e da varanda existente, que se atopa deteriorada.

Ademais, levarase a cabo a limpeza dos paramentos exteriores da ponte coa fin de mellorar o seu aspecto estético, eliminando os elementos danados da fachada da fábrica de pedra para mantela en bo estado de conservación.

O proxecto tamén prevé dúas actuacións concretas para iluminar a calzada e para a iluminación monumental da propia ponte, o que permitirá a súa posta en valor e unha notable mellora na seguridade viaria para vehículos e peóns. Ademais colocaranse paneis informativos e carteis de localización.

Esta intervención enmárcase no programa pioneiro de control das pontes e obras de paso que está a desenvolver a Xunta, para preservar a seguridade e alongar a vida útil destas infraestruturas, con actuacións de conservación preventiva.

A Xunta continúa traballando no mantemento das estradas autonómicas co obxectivo de reforzar a seguridade viaria.

Imaxes relacionadas