Xinzo de Limia mellorará a accesibilidade das súas vías municipais coa senda peonil da Moreira grazas a un convenio de 350.000 euros entre Xunta, Deputación e Concello

O proxecto ten por obxecto a definición das obras necesarias para a execución da senda peonil e un carril bici no vial principal de conexión entre a vila de Xinzo e os campos de fútbol da Moreira e José Antonio Fernández Carrera

Santiago, 6 de xuño de 2021

O Consello da Xunta deu luz verde o pasado xoves ao convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Ourense e o Concello de Xinzo da Limia para para a execución das obras de creación dunha senda peonil e un carril bici no vial principal de conexión entre a vila de Xinzo e os Campos de fútbol da Moreira e José Antonio Fernández Carrera. En total, o convenio contará cun importe de máis de 350.000 euros (350.599,07 euros) dos que a Secretaría Xeral para o Deporte achegará 67.307,63 euros, a Deputación outros 150.000 euros e o Concello os restantes 133.291,44 euros.

O proxecto ten por obxecto a definición das obras necesarias para a execución das demolicións, limpeza, nivelación e pavimentación para a creación da senda peonil coa supresión de barreiras arquitectónicas e a execución do carril bici e substitución das lámpadas de iluminación e a mellora do firme con novas capas de rodadura da vía principal e de todos os viais anexos que dan servizo á infraestrutura deportiva para os usuarios comarcais. Neste sentido mellorarase a accesibilidade e mobilidade urbana ata a infraestrutura deportiva que soporta un gran número de rapaces e rapazas pertencentes ás escolas deportivas de fútbol e atletismo entre os que se atopa o club de atletismo de Limia.

A meirande parte dos rapaces de Xinzo desprázanse ata infraestrutura camiñando ou en bicicleta, resultando agora mesmo moi perigoso e sen accesibilidade. A mellora da infraestrutura peonil e a creación do carril bici debe adaptarse a usos respectuosos con formas de vida saudables e sostibles nas súas manifestacións cotiáns: camiñar, espallarse, desprazarse, relacionarse e montar en bicicleta. Deste xeito, as actuacións proxectadas terán como fin mellorar a seguridade peonil do acceso ás escolas deportivas e das persoas que utilicen as instalacións, así como potenciar os recursos naturais e paisaxísticos da zona.

A Secretaría Xeral para o Deporte afianza así o seu compromiso coas infraestruturas deportivas. Dos 32.474.216 euros cos que conta en 2021 (un 28,5% máis que en 2020), 9,15 millóns serán destinados a obras de creación e reforma de infraestrutura deportiva, un 118% máis que en 2020 cando se destinou ao mesmo obxecto 4,2 millóns de euros.