A Xunta apoiará ao concello de Pontedeva nun proxecto piloto de vivendas pasivas a través do fondo de cooperación do IGVS

O Goberno local quere incrementar a oferta residencial do municipio rehabilitando inmobles con criterios de eficiencia que reduzan ao mínimo o consumo enerxético

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda colaborará co Concello de Pontedeva nun proxecto piloto municipal que ten como obxectivo obter varias vivendas pasivas a partir da rehabilitación de inmobles xa existentes.

Este foi o compromiso que asumiu a conselleira Ángeles Vázquez co rexedor accidental Juan Carlos González, con quen se reuniu esta semana para analizar as necesidades en materia residencial do municipio ourensán e os plans do Goberno local ao respecto.

Concretamente, o alcalde explicou que o proxecto prevé comezar por dúas vivendas en cuxa rehabilitación se aplicarían técnicas edificatorias de sostibilidade co fin de convertelas en casas pasivas, é dicir, edificacións eficientes que buscan reducir o máximo posible a demanda enerxética respecto a unha casa normal aplicando estratexias de deseño global.

Precisamente, co obxectivo de poñer a disposición dos cidadáns vivenda pública a prezos vantaxosos, Ángeles Vázquez explicoulle que o seu departamento, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), conta con varios programas de financiamento dirixidos a apoiar economicamente ás entidades locais á hora de rehabilitar edificios e vivendas.

Así, no caso do proxecto piloto que lle presentou o rexedor de Pontedeva, a conselleira considerou que a colaboración do seu departamento podería canalizarse a través do Fondo de cooperación de apoio a entidades locais de menos de 50.000 habitantes, un instrumento do IGVS creado en 2017 para ofrecerlles préstamos sen xuros e en condicións favorables para executar obras de rehabilitación e conservación do patrimonio construído.

Neste sentido, explicoulle que estes préstamos, que se prevé convocar en xuño e requiren da sinatura dun convenio de colaboración entre o concello beneficiario e o IGVS, son compatibles coa liña de axudas publicada en marzo polo seu departamento para rehabilitar edificacións e vivendas de titularidade municipal destinadas a alugueiro social.
 

Imaxes relacionadas