A Xunta destina 144.000 euros a colaborar con seis colectivos lucenses que apoian a mulleres en situación vulnerable

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que a finalidade é poñer en marcha programas que axuden a mellorar a súa situación laboral, persoal e social

Por medio destes apoios garantirase a atención a mulleres vítimas de violencia de xénero, de explotación sexual e laboral, inmigrantes, emigrantes retornadas ou exreclusas, entre outros supostos
 

Lugo, 6 de xuño de 2021

A Xunta de Galicia destina 144.000 euros a colaborar con seis entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro da provincia de Lugo para a posta en marcha de programas específicos de recursos integrais de atención especializada destinados en exclusiva a mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

Así o explicou o delegado territorial da Administración galega, Javier Arias, quen explicou que os colectivos beneficiarios son Aliad Ultreia, Asociación Penitenciaria Concepción Arenal, Auxilia e Alume Saúde Mental (os catro do concello de Lugo), Mulleres en Igualdade de Burela e a Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña, de Cervo. En total, estes programas favorecerán a un mínimo de 166 mulleres.

Con estas axudas, a Xunta pretende fomentar a igualdade de oportunidades para contribuír a reducir a dobre discriminación na que se atopan estas persoas, e para dotalas dunha maior autonomía e independencia co fin de mellorar a súa situación laboral, social e persoal.

Teñen a consideración de mulleres en situación de especial vulnerabilidade as vítimas de violencia de xénero; de explotación sexual e laboral; inmigrantes, emigrantes retornadas ou refuxiadas, pertencentes a unha minoría étnica, reclusas e exreclusas ou mulleres con discapacidade, entre outros supostos.

Os programas que se financian poden ser de dous tipos: de recursos integrais específicos para mulleres xestantes ou lactantes con fillas ou fillos menores de 3 anos e de atención especializada a mulleres en situación vulnerable pertencentes a un ou varios colectivos.

Así mesmo, a Consellería de Emprego e Igualdade tamén apoiará iniciativas de atención personalizada como atención psicolóxica, asesoramento xurídico, mediación, adquisición de habilidades persoais e sociais ou apoio e orientación laboral.