Política Social apoia a Liga galega de Break, que celebra a súa segunda xornada no Espazo Xove de Lalín

Vilagarcía de Arousa, A Coruña, Noia, Pontevedra, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense e Vigo serán as seguintes citas

Lalín (Pontevedra), 5 de xuño de 2021

O Espazo Xove de Lalín acolle hoxe unha das xornadas da Liga galega de Break, competición de recente creación e que se está a desenvolver en diferentes puntos da xeografía galega, unha iniciativa na que se está a colaborar desde a Consellería de Política Social e a Secretaría Xeral para o Deporte. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, presenciou a competición celebrada na capital dezá.

Cristina Pichel destacou a importancia de achegar alternativas de ocio saudables á mocidade galega como a liga galega de break. Neste sentido, puxo en valor a variada programación de actividades que teñen os Espazos xove galegos en xeral, e moi en particular o de Lalín, no que a xuventude ten á súa disposición unha ampla oferta de obradoiros, charlas, concertos ou eventos como a Primavera Xove.

Lalín é a segunda das dez sedes que acollen este torneo da Xunta de Galicia. A primeira foi o concello lucense de Viveiro o pasado 22 de maio. Despois da xornada en Lalín, celebrarase en Vilagarcía de Arousa o 19 de xuño, na Coruña o día 26, en Noia o 11 de setembro, en Pontevedra o 25 de setembro, en Santiago de Compostela o 2 de outubro, en Lugo o 16 de outubro, en Ourense o 6 de novembro, e en Vigo o 18 de decembro.

Deporte olímpico

O Breaking debutará como deporte olímpico nos Xogos de París 2024. Este proceso de inclusión do Break no programa olímpico vén enmarcado nunha tendencia de expansión dos deportes urbanos por todo o mundo, xa que o Skate, o BMX e o Basket 3x3 tamén terán o seu debut como deportes olímpicos nos Xogos de Tokyo 2021.

Imaxes relacionadas