O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe varios dos establecementos adheridos a este programa

Un total de 74 tendas de Monforte de Lemos participan no Bono Activa Comercio da Xunta ao que xa se sumaron 1600 veciños e veciñas

Galicia conta con 5260 comercios e 132.000 bonos descargados, dos que 17.600 proceden da provincia de Lugo

A Xunta destinou máis de 61M€ ao comercio dentro do Plan de rescate activado o ano pasado para mellorar a seguridade, a dixitalización, a dinamización de vendas, a formación ou para achegar liquidez ao sector

Monforte de Lemos (Lugo), 5 de xuño de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá en Monforte de Lemos, acompañado do delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, varios dos establecementos adheridos á iniciativa do Bono Activa Comercio – Calzados Losal, Librería Agrasar, Opticalia, Ozono Shop, Xoeiría Domingo, Doble M, e Kukin Calzado Infantil–, onde informou de que o concello conta con 74 tendas adheridas ao Bono Activa Comercio da Xunta de Galicia que xa se descargaron máis de 1600 usuarios da zona.

Un dos establecementos –Doble M– é propiedade do piloto Eduardo Iglesias, o único galego que finalizou o Rally Dakar 2021, polo que o vicepresidente económico aproveitou a visita para trasladarlle os seus parabéns por todos os éxitos que axudan a difundir a marca Galicia Calidade.

Polo que respecta á provincia, 814 comercios se sumaron a esta iniciativa que conta con 17.600 usuarios. No que respecta á Comunidade, son un total de 5260 establecementos e 132.000 bonos descargados polos galegos e galegas. Unha cifra que se seguirá incrementando xa que o prazo para a descarga dos bonos por parte dos clientes permanecerá aberto.

O Bono Activa Comercio, deseñado en colaboración coa Federación Galega de Comercio, forma parte do Plan de medidas específicas de apoio ao comercio galego que conta con axudas específicas para incentivar o consumo e apoiar a modernización do sector a través da dixitalización e o comercio en liña. En concreto, a iniciativa conta cun orzamento de 10M€ cos que se pretenden mobilizar 55 millóns no sector e chegar a 330.000 clientes en toda Galicia, que poden obter o seu bono con 30 euros de desconto para compras en establecementos locais.

Conde explicou que a medida, destinada a axudar ao colectivo dos autónomos e pequenos negocios do sector, está enfocada a reactivar o consumo e recoñeceu o papel do comercio, un dos máis afectados pola crise da covid, que sempre trasladou unha mensaxe de confianza e seguridade. Neste sentido, no marco do Plan de reactivación posto en marcha o ano pasado destináronse 61M€ en apoios ao comercio para mellorar a seguridade, a dixitalización, a dinamización de vendas, a formación ou para achegar liquidez.

A iniciativa súmase ao Plan de Rescate para pemes e autónomos co que nos últimos seis meses a Xunta destinou 560M€ en axudas directas aos sectores máis prexudicados e que contará cunha terceira convocatoria de 234M€.

Imaxes relacionadas