O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o presidente da entidade, Henrique Alvarellos, asinaron un acordo para este fin

A Xunta apoia a proxección nacional e internacional do sector editorial en colaboración coa Asociación Galega de Editoras

Entre outras accións, contribúese á presenza das empresas galegas nas feiras LIBER e do libro de Frankfurt

Enmárcase no firme compromiso do Goberno galego co sector das letras no marco do Plan de Reactivación da Cultura cunha decena de iniciativas en marcha

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o presidente da Asociación Galega de Editoras (AGE), Henrique Alvarellos, veñen de asinar un convenio de colaboración a través do que a Xunta apoia a proxección nacional e internacional do sector editorial.

En concreto, a través deste acordo, o departamento de Cultura da Xunta de Galicia contribúe á participación das editoras en dúas das citas máis importantes do sector: a Feira LIBER, en Madrid, e a Feira do Libro de Frankfurt, eventos fundamentais para dar a coñecer o traballo das empresas galegas fóra da comunidade.

Así mesmo, xa dentro do noso territorio, apóiase a participación de AGE na Feira das Industrias Culturais de Galicia (Culturgal), cun posto propio, e a celebración do simposio O libro e a lectura 2021. Esta última é das actividades culturais máis importantes das que celebra o sector en Galicia, tanto polo público profesional inscrito como pola categoría dos relatores, moitos deles do ámbito internacional, que participaron nas 17 edicións realizadas deste encontro.

Por outra banda, o convenio contempla tamén a participación da Asociación Galega de Editoras en diferentes xornadas e encontros profesionais organizados pola Federación de gremios de Editores de España.

Libro galego

Esta colaboración enmárcase no firme compromiso do Goberno galego co sector das letras, que se reflicte nas diferentes iniciativas que se impulsan desde a Consellería como as medidas específicas para o libro incluídas no Plan de reactivación aprobado pola Administración autonómica, cunha decena de medidas en marcha.

Destacan iniciativas como o apoio a certames literarios e novas publicacións, as diferentes liñas de axudas para dinamizar o sector como a dotación de novidades editoriais en galego para bibliotecas e axencias de lectura, as axudas aos gastos de edición, distribución e comercialización así como subvencións para o libro galego, dirixidas á tradución, e axudas para a mellora das coleccións bibliográficas e axencias de lectura, entre outras. A elas se engaden iniciativas como o impulso ao labor nas bibliotecas escolares para fomentar a lectura nos centros educativos, entre outras.

Imaxes relacionadas