A disposición desta información enmárcase na colaboración entre Augas de Galicia e o Instituto de Estudos do Territorio, dependente da Consellería de Medio Ambiente

A información xeorreferenciada dos borradores dos novos plans hidrolóxico e de xestión de riscos de inundación da Demarcación Galicia-Costa xa está dispoñible na páxina web de Augas de Galicia

Trátase de información da actualización do Plan Hidrolóxico para o ciclo 2021-2027, que se atopa en fase de consulta pública

A información inclúe a delimitación da rede hidrográfica básica integrada por 4.579 km de río e diferentes categorías de masas de auga, que ascenden a 503

Tamén se poden consultar as zonas protexidas incluídas no Plan Hidrolóxico e as recollidas por outras figuras de protección autonómicas, estatal ou internacional

Ademais están dispoñibles na citada web os mapas elaborados por Augas de Galicia para cada Área de Risco Potencial Significativo de Inundación

Estes datos inclúen os mapas de risco, coa identificación da poboación nestas zonas inundables, as actividades económicas afectadas ou as zonas protexidas

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2021

A información xeorreferenciada dos borradores dos novos Plan Hidrolóxico e Plan de Xestión de Riscos de Inundación da demarcación Galicia- Costa xa está dispoñible na páxina web de Augas de Galicia.

A colaboración entre Augas de Galicia e o Instituto de Estudos do Territorio, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, permitiu dispór na Infraestrutura de Datos Espaciais da Demarcación Galicia- Costa a nova información da actualización do Plan Hidrolóxico para o ciclo 2021-2027, que está en fase de consulta pública.

A través do seguinte enlace pode accederse ao visor para consultar a citada información: http://xurl.es/g7tcr

O Plan Hidrolóxico constitúe o eixo da aplicación da Directiva Marco da Auga e debe ser actualizado cada 6 anos para acadar o cumprimento dos obxectivos medioambientais nas masas de auga. Trátase de velar polo bo estado da auga e cumprir os requisitos adicionais nas zonas protexidas.

Na actualidade está vixente o Plan Hidrolóxico Galicia- Costa aprobado para o ciclo 2015-2021, mentres Augas de Galicia está a traballar na súa revisión co sometemento a consulta pública do futuro plan para o ciclo 2021-2027.

Neste sentido, o IET vén de realizar os traballos de tratamento e posterior edición dos datos espaciais que albergan a información xeorreferenciada do citado Plan.

Esta información abrangue a delimitación da rede hidrográfica básica constituída por 4.579 km de río e as diferentes categorías de masas de auga definidas na demarcación -ríos, lagos, transición, portos, costeiras e subterráneas- que ascenden a 503.

Tamén se poden consultar xa as zonas protexidas incluídas no Plan Hidrolóxico, que recolle as áreas especificamente protexidas polo plan e outras contempladas por diferentes figuras de protección, a nivel autonómico, estatal ou internacional.

Mapas de risco de inundación

Ademais Augas de Galicia rematou a revisión e actualización dos Mapas de Perigosidade e Risco elaborados para cada Área de Risco Potencial Significativo de Inundación (ARPSI) da demarcación Galicia- Costa.

A información definitiva tamén foi posta á disposición do público polo IET na citada páxina web, podendo consultarse e descargarse os mapas inundables fluviais e costeiros.

Estes datos inclúen os mapas de risco asociados ás chairas de inundación, coa identificación da poboación nestas zonas inundables, as actividades económicas afectadas, as zonas protexidas ou outros elementos vulnerables nesas contornas.

Cómpre lembrar que estes mapas forman parte do borrador do novo Plan de Xestión de Riscos de inundación, que se atopa en fase de consulta pública tamén dende o pasado 30 de abril.